A vida e obra dos fotógrafos pontevedreses Raquel Calviño e Miguel Vidal plásmase nun documental
Por Redacción
O proxecto documental "Ollar, escolma da fotografía galega contemporánea", desenvolvido pola produtora Adarme Visual, co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, comeza a súa difusión.
Co obxectivo de divulgar a fotografía de autor, o proxecto arrinca cunha serie de cinco documentais sobre cinco figuras relevantes da fotografía contemporánea e a creación galega. Unha web específica, www.ollar.gal, será o xeito de exhibición principal das pezas audiovisuais.
Os documentais están dirixidos polo realizador David Hernández coa colaboración do fotógrafo e docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus pontevedrés da Universidade de Vigo Jorge Lens no guión e da realizadora vilagarciá Alex Penabade na montaxe.
Nas pezas abórdase a obra e vida de cada autor, así como o modo de traballo mediante a observación e as explicacións dos propios artistas.
Os autores aos que están adicados os primeiros cinco documentais son: Javier Teniente, Eva Díez, Manuel Sendón e os fotógrafos pontevedreses Raquel Calviño e Miguel Vidal.
Raquel Calviño (Pontevedra, 1970). Foi pioneira en Galicia no uso de Instagram, o que a levou a organizar varias exposicións con outros usuarios desta rede na provincia de Pontevedra. Aínda que comezou realizando fotografía de rúa, nos últimos anos o traballo de Raquel Calviño camiña cara a unha extrema sensibilidade propia de quen traballa co íntimo.
Miguel Vidal (Pontevedra, 1968). Obsesionado coa imaxe en xeral, Miguel Vidal móvese en ámbitos tan diferentes como o documentalismo e o retrato artístico. En 2018, a súa grande antolóxica "Soños", estreada en Pontevedra, recompilou case 30 anos de traballo e itinerou por diversas salas internacionais.
Relacionadas:
-
Desenvolven o primeiro proxecto multimedia centrado na fotografía de autor en Galicia
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Os "Soños" de Miguel Vidal chegan por primeira vez ao Museo de Pontevedra
Por Antía Fernández Buján |
-
"Estar é ser", unha mostra da fotógrafa Raquel Calviño no Pazo ata o 20 de novembro
Por Redacción |
-
A primeira exposición en Galicia de fotos de Instagram presume de cidade: #Pontefoto
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Miguel Vidal e Lena Panciuc, cara a cara na galería About Art
Por Redacción |