Inauguran a mostra 'José Suárez 1902-1974', que a pandemia obrigara a aprazar
Por María José Pita
A pandemia impedía no mes de maio do ano pasado inaugurar a exposición adicada ao fotógrafo e creador audiovisual José Suárez. Este martes procedíase á apertura no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a mostra 'José Suárez 1902-1974', que se poderá visitar ata o vindeiro 18 de abril.
A José Suárez "podémolo describir como o fotógrafo máis internacional de Galicia, non só pola relevancia da súa obra, senón por unha vida nómade marcada polo exilio e que quedou reflectida nas súas imaxes". Con estas palabras o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, presentaba a que é a mostra máis completa do artista galego, cuxa figura e achegas son fundamentais para entender un tempo e unha innovación nas técnicas.
A mostra está comisariada polos investigadores Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez-Canal, quen é tamén sobriño de José Suárez. Precisamente, dende o seu coñecemento familiar, desvelaba que o Museo de Pontevedra ten un "un significado particular" xa este foi o único lugar onde José Suárez quixo depositar 150 fotografías de pequeno formato 6x6 coa intercesión do seu irmán Manolo para que non se perdesen. De feito, esta mostra leva en itinerancia dende o ano 2015 polos diversos países onde viviu José Suárez e "había a idea clara de que rematase no Museo".
A exposición percorre toda a traxectoria profesional do autor a través da escolma de 150 fotografías, máis un número importante de cartas, documentos, libros, audiovisuais e catálogos que axudan a dar unha visión de conxunto da súa biografía profesional.
Está dividida en tres partes, seguindo o percorrer da vida do fotógrafo, e todas as pezas teñen o formato 30x40 como no seu momento dispoñía Suárez. Outro detalle destacable é que se poden ver as copias orixinais, feitas polo propio autor, que se acompañan doutras realizadas en diversas series con José Suárez en vida ademais das que se tomaron na actualidade a partir de negativos.
Unha primeira sección da mostra refírese a 'Os anos 30: Por terras de Salamanca e Mariñeiros', unha segunda ao 'Exilio. 1936: Neve na Cordilleira, América del Sur, Xapón e Retratos', e a terceira e última pertence ao 'Retorno. 1959: La Mancha, Touros, Mediterráneo, Inglaterra e Galicia Anos 60'.
Suárez-Canal subliñou de José Suárez o uso da linguaxe fotográfica tomada das vangardas históricas, afastado do costumismo, a súa relación co cine e os seus vínculos coa intelectualidade galega do exilio, as súas viaxes a Punta del Este e a Xapón ou o seu regreso a España para ver á súa nai, pois tiña a pena de non poder no seu momento despedirse do pai falecido uns anos antes, "nun momento equivocado" co franquismo, posto que en España non tiña o recoñecemento que acadara en Arxentina e os seus últimos anos foron moi difíciles para rendibilizar o seu traballo.
Tamén como sobriño, Suárez-Canal achegou o dato do outro gran drama de José Suárez ao ter que marcharse só ao exilio xa que, a pesar de tentar convencer á súa esposa para que o acompañase, finalmente a nai dela influenciou para que quedase en España.
Pola súa banda, o outro comisario, Manuel Sendón, salientou a fotografía de José Suárez como "totalmente distinta á dos fotógrafos históricos en Galicia", fuxindo tanto das fotografías de encarga como das que se presentaban a premios "e facendo uso dela como ferramenta de expresión para abordar os temas que lle parecían interesantes".
"Hai traballos que teñen unha dimensión extraordinaria, como 'Mariñeiros', que trascende o marco galego. No Estado Español é difícil atopar un traballo desa intensidade", subliña Sendón, para destacar tamén a visión cinematográfica de Suárez, o uso das vangardas, o seu carácter humanista con posicionamentos incluso panfletarios e, en xeral, a calidade excepcional da obra.
Relacionadas:
-
O Museo convoca un concurso fotográfico ao redor da exposición de José Suárez
Por Redacción |
-
Arrancan as visitas guiadas para a exposición 'José Suárez 1902-1974' no edificio Castelao
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
O Museo de Pontevedra exporá as pezas dos seus fondos relacionadas con Emilia Pardo Bazán
Por Redacción |
-
O Edificio Castelao amosará unha retrospectiva da fotografía de autor de José Suárez
Por Redacción |