Severiano Casalderrey presenta o primeiro Caderno FICBUEU na Casa das Campás
O Festival Internacional de Curtametraxes FIC Bueu incorporou no ano 2019 á súa programación unha sección retrospectiva adicada a repasar fitos da historia das curtametraxes coa intención de poñer en valor a importancia do formato ao longo da historia do cine.
Na súa primeira edición, decidiu adicar esta sección á Nouvelle Vague francesa, e co labor de investigación e documentación que requiriu esta programación naceu tamén o primeiro Caderno FICBUEU.
O vindeiro xoves 4 de febreiro, Severiano Casalderrey, o subdirector do festival e autor do libro 'Cadernos FICBUEU#1: A Nouvelle Vague a través das súas curtometraxes', impartirá unha conferencia na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra ubicada na Casa das Campás.
O acto, programado para ás 19.00 horas e cunha capacidade reducida a 15 persoas por mor das restricións ás que obriga á covid-19, completarase coa proxección dun dos filmes que formaron parte da retrospectiva, 'Les veuves de 15 ans' (1965), do cineasta Jean Rouch.
Segundo o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) está organizado polo FIC Bueu coa colaboración da Vicerreitoría e ten por obxecto contribuír á difusión dunha publicación bilingüe, editada en inglés e en galego co apoio da Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Este Caderno FICBUEU#1, busca profundar nas obras seleccionadas para a retrospectiva adicada a este movemento cinematográfico e contribuír á historiografía da curtametraxe. Dende a organización do festival inciden, segundo o DUVI, en que fixeron un gran traballo de distribución do caderno, non só en institucións e centros formativos relacionados coa cultura cinematográfica de Galicia, senón tamén do resto de España e de Francia.
Con este acto o FIC Bueu busca achegar á universidade un proxecto cun labor de investigación de documentación moi grande detrás co que se busca amosar esa parte un pouco máis descoñecida, de como se traballou coa curtametraxe na Nouvelle Vague.