A lavandería dun hotel, escenario da divertida proposta de Domingos do Principal
Por Redacción
O público familiar terá este domingo unha nova cita co ciclo Domingos do Principal. Nesta ocasión, será coa compañía catalá La Tal, que trae a Pontevedra Italino Grand Hotel, un divertido espectáculo de clown.
Italino Grand Hotel é unha obra ambientada no soto dun hotel. Alí, na lavandería, traballa un personaxe solitario que lava, pasa o ferro e perfuma a roupa.
Vive alí só, soña entre as sabas e oculta a súa soidade conversando coas máquinas que lle rodean e xogando ata coa súa propia sombra. Pero un día namórase e todo cambia.
Este espectáculo, que está recomendado para público a partir de 4 anos, está protagonizado polo actor Jordi Magdaleno e representarase cunha dobre función, ás 12:00 horas e ás 18:30 horas.
As entradas teñen un prezo de 4 euros e están á venda a través de Ataquilla.com.