As propostas máis contemporáneas da artesanía galega, a exposición en Pontevedra
Por Redacción
A Consellería de Economía, Empresa e Innovación organiza xunto coa Fundación RAC a exposición Os roteiros da forma, unha mostra colectiva na que participan 14 obradoiros rexistrados no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e que se pode visitar en Pontevedra desde o 26 de febreiro ata o 26 de marzo.
A exposición, impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia, forma parte dun proxecto de divulgación conxunto no que se busca ensinar as propostas máis contemporáneas da artesanía galega, no marco do cal xa se realizou a finais do ano pasado a exposición Feito de estrelas, unha retrospectiva de óraa do ebanista artesán Frank Buschmann.
Os roteiros da forma teñen o obxectivo de reflectir as converxencias entre a artesanía e as artes visuais contemporáneas. A exposición recolle a pluralidade de formatos, linguaxes e asociación recollidos na marca Artesanía de Galicia, compoñendo unha panorámica rica en matices onde o peso da tradición se hibridase á complicidade do presente. A mostra propón un percorrido versátil onde se fusionan técnicas e procesos mixtos, onde a materia prima indica a súa relevancia e expresa a modo de imaxe un coñecemento multidireccional.
Poderase visitar na sede da Fundación RAC Rosón Arte Contemporánea (Padre Sarmiento, 41) en Pontevedra, en horario de mércores a venres de 16:30 a 20:00 horas, con posibilidade de realizar unha visita guiada da man da comisaria da mostra, Sara Donoso, previa inscrición no mail info@fundacionrac.org.
Apuntando en direccións a miúdo contrarias, a tradición cerámica aglutina os intereses dos talleres COPIA_cerámica (Santiago de Compostela), Ana Tenorio (Vigo), Verónica Moar (A Coruña), Marta Armada (Vigo) e Paula Ojea (Vigo), que buscan as súas propias estratexias explorando e ampliando as posibilidades do medio. Farano ás veces desde un matiz poético e esquemático, outras desde a revisión da forma ou a integración da xeometría, introducindo constantemente novos procesos de diálogo co material.
Coas propostas de Inés Rir (Allariz) e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) o espectador asómase aos máis antigos saberes vinculados con procesos de produción téxtil e de cestería tradicionais que toman a través das súas mans un novo aspecto. Así, mentres a primeira revisa o potencial da la, da seda ou do algodón para insinuar a paisaxe, Idoia Cuesta emprega a tira de castiñeiro para compoñer unha maraña que revisita o concepto do caos.
Tamén Elena Ferro (Vila de Cruces), herdeira dunha longa tradición zoqueira, preserva desde o prisma contemporáneo algúns dos trazos da cultura galega, executados nesta ocasión a modo de poemas visuais.
Na busca desa continúa harmonía que simula condensar o equilibrio da natureza, a prata de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela) parece esculpir paisaxes sinuosas desde as que se constitúen tanto xoias como obxectos de enxoval. Algo similar sucede coas propostas de Santiago Besteiro (Monterroso), onde o coiro acariña a pedra comparando as súas texturas, as súas calidades, nun encontro perfilado a base de liñas mínimas e austeras, como tamén o son os vasos presentados por Adrián Pena (Vigo), buscando aproximarse aos límites do torneado para alcanzar así unha maior sutileza formal.
Noutras ocasións reivindícase a memoria e a súa preservación, como nos restos de louza de cartuxa que reutilizan no taller de Ferraxe de Prata (Teo) facendo do azar e o accidente un novo compoñente para a creación. No terreo da ilustración, Iria Prol (Santiago de Compostela) chama a atención sobre o rol da muller na España franquista a partir da estética pop e da ironía; un universo feminino ao que tamén alude Iris Branco (San Cristovo de Cea) depurando a cor e a liña nun vibrante xogo de volumes e intensidades.
A historia, a memoria, a física e as matemáticas, a natureza e a poesía intercálanse na exposición como un corpus de intereses comunicantes que, orixinados no diálogo entre concepción e investigación, fan divisar con familiaridade a estreita conxunción entre facelo e o saber.
A través desta pequena selección pódese advertir a heteroxeneidade que hoxe en día supoñen as creacións agrupadas baixo Artesanía de Galicia, conformando un panorama común que cristaliza en enfoques variados e que foi quen de transferir os coñecementos ancestrais á imaxinería contemporánea
Relacionadas:
-
O Espazo Nemonon ofrece esta tarde un concerto acústico de blues, reggae e rumba
Por Redacción |
-
Liques, incendios e moita matemática para abrir unha Pontenciencia marcada pola pandemia
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para inscribirse no Certame de Artes Plásticas Novos Valores
Por Redacción |
-
A mal tempo, artesanía no pavillón municipal de Ponte Caldelas
Por Redacción |