A Aula Castelao programa para abril a Semana Galega da Filosofía, rescatando a temática de Filosofía e Civilización Dixital
Debido á situación xerada pola covid-19 non foi posible realizar, en 2020, a Semana Galega de Filosofía. Tratábase da súa 37 edición, e tiña como título Filosofía e Civilización Dixital, segundo se recolle no DUVI. Sen embargo, este ano e tendo en conta as restricións sanitarias establecidas, tívose que buscar unha alternativa na que, coa mesma temática, combinarían a asistencia presencial coa telemática.
O evento terá lugar entre o 5 e o 9 de abril e estará organizado pola Aula Castelao de Filosofía, contando un ano máis coa colaboración da Universidade de Vigo, entidade coa que xa asinaron o convenio. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, salientou que "a Universidade ten que ter un márchamo importante de competencia crítica, e o que fai a Aula Castelao é encher un baleiro que moitas veces se dá nas sociedades contemporáneas, nas que estamos sempre de aquí para alá e fai falla tamén tempo para a reflexión e o pensamento".
O presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, quixo destacar a importancia que tiña o poder contar co apoio da Universidade e da Vicerreitoría, "porque sen eles non poderíamos levar a cabo a semana", sinalou no marco dunha xuntanza na que tamén participaron a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, e a vogal da aula Montse Bragado.
Afondar en como as tecnoloxías mudaron nas últimas décadas a estrutura da sociedade constituía un dos obxectivos cos que a Aula Castelao programou o pasado ano esta XXXVII Semana Galega de Filosofía. Por ese motivo quixo Cendón remarcar o impacto que provocou a situación da covid-19, sinalando que estas cuestións estean "en plena vixencia, debido ao confinamento e o auxe que tivo nestes meses todo este ámbito dixital, tanto a nivel privado, nas nosas casas, como tamén nos nosos traballos”.
O presidente da Aula Castelao informou que a semana mantería o programa concibido inicialmente: "O que fixemos, dado o actual contexto, foi reducir un pouco o formato”. A programación será presentada nas vindeiras semanas e estará estruturada por unha sesión matinal e outra de tarde, en lugar de tres diarias como se tiña previsto con anterioridade.
Do mesmo xeito, as sesións combinarán a asistencia presencial, cunha capacidade limitade, no Teatro Principal, coa posibilidade de seguir as diferentes conferencias a través da rede. Tal e como explicou Cendón, nas sesións matinais téñese pensado intervir a través de videoconferencia, coa excepción dun relatorio do profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Albino Prada; mentres que as da tarde está previsto que se impartan de xeito presencial. Non obstante, engadiu, a organización buscou ter en conta "todas as casuísticas, incluso preparándonos para, no caso de que non puidese asistir ningún público, retransmitilo todo en liña".
Relacionadas:
-
Cando a civilización dixital dificulta distinguir entre realidade e virtualidade
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A Semana Galega de Filosofía reflexionará sobre a perda de identidade na sociedade dixital
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Suprímense as sesións de última hora da tarde na edición semipresencial da Semana Galega de Filosofía 2021
Por Anxo Lourido |
-
Segundo adiamento da Semana Galega da Filosofía pola Covid-19: "Non se podería levar a cabo coas garantías suficientes"
Por Redacción |