A exposición 'Educación en feminino: un paseo pola historia' chega ao campus de Pontevedra
A Vicerreitoría do campus de Pontevedra acolle a mostra 'Educación en feminino: un paseo pola historia' que rememora as traxectorias de 32 mulleres docentes e colectivos de educadoras e pon en valor a súas achegas á historia da educación, así como as súa traxectoria de diferentes épocas e lugares. Entre estas 32 personaxes da historia atópanse varias galegas.
A mostra foi inagurada este xoves 18 de febreiro polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. A exposición poderase visitar ata o vindeiro 26 de marzo na Vicerreitoría do campus de Pontevedra que se atopa na Casa das Campás e que conta na actualidade cunha capacidade reducida de 5 persoas.
Os 32 paneis foron realizados na súa totalidade polo alumnado da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e recollen diferentes aspectos das biografías e do exercicio profesional dunha serie de educadoras e colectivos que impulsaron novas propostas pedagóxicas, metodoloxía ou recursos entre outras, e que levaron a cabo "iniciativas pioneiras que supuxeron unha renovación do sistema escolar que acabaría tamén por trasladarse ao conxunto da sociedade", segundo Eulalia Agrelo.
Jorge Soto comentou tamén no DUVI da Universidade de Vigo que "é unha auténtica ledicia ter aquí esta exposición, que axuda a visualizar unha parte importantísima da historia da educación e do que hoxe somos como sistema educativo".
O vicerreitor lembrou tamén que o obxectivo da mostra é pór en valor o traballo de educadoras de diferentes épocas, á vez que permitirá tamén lembrar as dificultades que tiveron que pasar polo simple feito de ser mulleres.
As galegas Juana de Vega, Concepción Arenal, Antía Cal ou Camino Pereiro son algunhas das figuras ás que busca dar visibilidade esta exposición, que previamente puido visitarse no campus de Ourense e que está previsto que posteriormente se traslade ao campus de Vigo.