O foro 'As mulleres que opinan son perigosas' será a antesala do 8M
Por Oskar Viéitez
A cuarta edición do encontro 'As mulleres que opinan son perigosas' terá lugar o venres 5 e o sábado 6 de marzo. "Será a antesala dun 8M que este ano non vai ser o que nos gustaría", segundo sinalou Susana Pedreira, que, xunto a Diana López Varela, son as xornalistas que organizan esta iniciativa co apoio da Deputación e do Concello de Pontevedra.
Este martes tivo lugar a presentación deste foro, nun acto no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A edición de 2021 de 'As mulleres que opinan son perigosas' contará con 12 ponencias e 16 mulleres convidadas.
Susana Pedreira apuntou que ao organizar este encontro "intentamos que nunca repita ninguén e abordar novos temas", nesta ocasión será a ciencia, o fotoxornalismo, o humor, a memoria das mulleres e os podcast como nova linguaxe xornalística.
Nesta "aposta forte por seguir sumando perfiles novos" este ano participará a xornalista de investigación e especialista en análise de datos, Mar Cabra que foi galardoada co prestixioso Premio Pulitzer polo seu traballo de investigación sobre os Papeis de Panamá. Neste caso falará do "tecno estrés" cando a mente cae escrava da tecnoloxía relatando en primeira persoa como se converteu nunha adicta da hiperconexión e logo superou a súa dependencia.
Tamén participará a fotoxornalista Susana Vera que, polo seu traballo para a axencia Reuters nas revoltas de Hong Kong do pasado 2019, se converteu no primeiro premio Pulitzer de fotografía para unha española.
Estará Almudena Ariza, reporteira e enviada especial por medio mundo para TVE. Corresponsal en Pequín, Nova York e agora en París. Ou Esther Palomera, cronista política e analista de actualidade, adxunta ao director de eldiario.es.
O foro contará con tres directoras de medios galegos, María Obelleiro (Sermos Galiza), María Yañez (Vinte) e Silvia Carregal (Ártabra), ademáis de dúas xefas de sección de economía nos xornais nos que traballan, Lara Graña (Faro de Vigo) e Mercedes Mora (La Voz de Galicia).
No apartado do humor contan coa "cómica de referencia" Henar Álvarez, e no adicado á ciencia estará Pampa García Molina, coordinadora e redactora xefa de SINC. Ademáis falará Pilar Álvarez, correspondente de xénero de El País, a xornalista foi a primeira en ocupar nos medios escritos unha área específica; e María Jesús Espinosa de los Monteros, directora de Podium Podcast, e outras moitas xornalistas máis como Ebbaba Hameida (RTVE), Belén López (Diario de Pontevedra) ou Montse Fajardo.
A edición do 2020 xa foi especial e diferente porque se desenvolveu a través de internet, a evolución da pandemia tamén impide a presencialidade neste 2021 pero "non facer nada non era unha opción", indicou Pedreira que valorou o punto positivo que ten este formato "estamos creando na rede unha biblioteca de contido online no que a muller é protagonista. Esto quedará almacenado na rede".
Así, os contidos da pasada edición superaron xa as 10.500 visualizacións, esa biblioteca online está sendo consultada.
Este foro reivindica que hai mulleres columnistas, que escriben, que opinan, que abren blogs para tomar postura sobre a actualidade e a realidade na que viven; que hai mulleres que dirixen medios e que hai mulleres que introducen na axenda mediática temas e voces silenciadas nun sector dirixido maioritariamente por homes, e no que as mulleres levan anos a pelexar para atopar o seu espazo.
A presidenta Carmela Silva quixo destacar que este tivo de foros son un "acto de resistencia" polo que considera que "é fundamental manter este tipo de iniciativas" especialmente porque "as cousas teñen empeorado para as mulleres durante a pandemia".
Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores advertiu que "tamén hai negacionistas do machismo polo que é imprescindible seguir visibilizando e denunciando publicamente a situación de discriminación na que se atopan as mulleres".
Este martes ábrense as inscricións para asistir e participar a este novo encontro en formato online, ainda que non é preciso xa que os relatorios pódense seguir en directo na páxina web da Deputación de Pontevedra e son retransmitidas nas redes sociais.