Encrucillado en liña sobre a historia de Ravachol e un concurso artístico para a celebración do Entroido
O Museo de Pontevedra segue a aumentar a súa oferta lúdica en liña para toda a familia mentres dura o peche temporal polas restricións sanitarias derivadas da pandemia.
O venres 12 de febreiro, coincidindo co inicio do Entroido, vén de pór a disposición na súa páxina web un encrucillado sobre o Ravachol. Trátase dunha actividade da equipa educativa da institución, que pretende divulgar a figura do famoso papagaio, ofrecendo tamén datos da súa historia nun artigo ilustrado con imaxes pertencentes aos Arquivos Gráfico e Documental do Museo.
O encrucillado ten como finalidade encaixar dezaseis palabras relacionadas co Ravachol en xeral e coa botica de Perfecto Feijóo en particular. Entre outros términos, deben atoparse algúns relativos a como chamaba o animal ao seu dono, aos curas, ou a Montero Ríos entre outros, así como o nome da sociedade que organizou o seu velorio ou a leira na que foi enterrado. Para facilitar a súa realización o encrucillado leva un apartado de autocorrección.
Ademais deste pasatempo enfocado a toda a familia e tamén co motivo do Entroido, o Museo ten en marcha o 'Concurso artístico infantil Vestindo ao Ravachol' co obxectivo de que as crianzas e a rapazada de entre 3 e 14 anos representen e vistan ao loro pontevedrés como máis lle guste, e remitan, antes do xoves 18 de febreiro, o seu traballo para expoñelo no espazo vidrado do Edificio Castelao.
Só se admitirá unha creación por persoa, e estará dividido en tres categorías: a categoría 1, de 3 a 6 anos; a categoría 2, de 7 a 11 anos e a categoría 3, que abrangue dos 12 aos 14 anos. A quen corresponda a autoría da mellor obra en cada unha das categorías recibirá un agasallo adaptado á súa idade, e tamén poderá ver publicado o seu deseño do Ravachol na web e no Facebook do Museo.
Entenderase que as persoas participantes contan coa autorización da súa nai, pai ou representante legal, quen deberá enviar un correo a gabinetedidactico.museo@depo.es coa creatividade e no que se especifique: o seu nome, o nome do seu fillo/a, a idade deste e un número de teléfono.
Relacionadas:
-
O Museo entrega os premios ás creacións máis orixinais sobre Ravachol
Por Redacción |
-
Duascentas seis maneiras de entender a Ravachol
Por Redacción |
-
O Edificio Castelao amosará unha retrospectiva da fotografía de autor de José Suárez
Por Redacción |
-
Barro organiza un concurso de disfraces para o seu Entroido virtual
Por Alejandro Espiño |
-
Volven os "Contos Confinados" para que os máis cativos gocen dende a casa
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
O Entroido 21 lembrará a evolución histórica de Ravachol a través dunha exposición dixital
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Concurso-homenaxe a Ravachol nas redes sociais da Biblioteca Pública
Por Isabel Feijóo Gallardo |