O Local de Música, o proxecto formativo e de mentorización para a xuventude de Pontevedra da Concellaría de Xuventude, xestionada por Alberto Oubiña, presenta para o novo 2021 un programa de nove accións, que inclúen a adaptación virtual para os períodos de restricións derivados da actual situación sanitaria.
Aínda que o Local de Música ten implementados os adecuados protocolos de seguridade para a asistencia ao centro, as recentes medidas so lles permitirá aos participantes seguir de xeito online. Así, mentres se manteñan as actuais restricións, as actividades realizaranse completamente en liña cun horario de atención de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Entre as actividades programadas inclúense a realización dun informe sobre o estado da música en Pontevedra, os programas Local Online (v2), MusicLAB e LP3, o Congreso Z, o Proxecto Europa, Proxecto Youtube, Proxecto Twich e o Proxecto Spotify.
Informe do estado da música en Pontevedra
Iniciarase unha ronda de entrevistas con diferentes persoas da industria musical da cidade para analizar a situación actual e as posibles saídas para o escenario post-covid. Estas entrevistas retransmitiranse na nova canle de Twich do Local, extraeranse partes das entrevistas para xerar contidos estables na canle de Youtube e elaborarase un informe coas principais ideas e conclusións.
Local Online (v2)
Continuando coa estratexia deseñada no confinamento de 2020, establécese un programa de comunicación e participación en redes sociais con diferentes iniciativas:
• Calendly. Sistema de citas virtuais cos profesionais do local, que xa se poden reservar directamente desde o espazo privado de usuarias do Local de Música.
• Aula Virtual (v2). Estase a traballar na mellora da experiencia de uso
(UX) da plataforma. Incorporaranse novos cursos e traballarase na difusión da
mesma.
• Historia da música. Continuarase coa colaboración cos grupos de música de Pontevedra para a difusión das diferentes bandas que xurdiron na cidade. Así mesmo, ofertarase contido multimedia sobre artistas que son parte da historia da música.
• Concurso. Buscarase un novo desafío como “Imos Buscar Ao Mellor Grupo Da Historia De Pontevedra”, no que participaron centos de persoas na anterior edición.
LP3
O proxecto de profesionalización do Local vencellado a un itinerario formativo (LP1 e LP2) executarase no primeiro semestre do ano.
LP3 consiste na mentorización (en liña) de grupos de música de Pontevedra para axudarlos a trazar unha estratexia de mercado. O obxectivo é sacar adiante un traballo de gravación que lles facilite a entrada ao mercado. Constará de tres momentos: o plan de preproducción, formación (con contidos da aula virtual e sesións síncronas) e a gravación de temas propios. Para complementar o proceso, e tamén na liña de profesionalización, incorporarase a un alumno (de Pontevedra) en prácticas da Escola de Audiovisuais de Vigo para facer labores de apoio na produción técnica das gravacións.
Congreso Z
A nova xeración que está a usar o local naceu despois do 2005: a chamada 'xeración Z'. Para escoitalos e comprender o seu punto de vista sobre como ven o mundo, deseñarase un “congreso” virtual que se retransmitirá en directo desde Twitch e onde se convidará a xente moza a falar sobre diferentes temas. Esta iniciativa conectarase coas diferentes accións que se desenvolven desde o Departamento de Xuventude.
Proxecto Europa
No proxecto do Local de Música establecíase a posibilidade de iniciar un intercambio con salas de concertos de Portugal. Debido a que é imposible coñecer a viabilidade desta iniciativa a curto prazo, transformarase o proxecto nunhas xornadas de difusión sobre os diferentes programas da Unión Europea dirixidos á xente moza (destacando i-Portunus).
Proxecto Youtube
A iniciativa de avanzar na comunicación e interacción co Local de Música fixo que se traballara intensamente na creación de contidos dixitais non efeímeros. Nesta fase, seguirase a crear contidos de calidade para alimentar esta plataforma e continuar coa construción das narrativas dixitais do Local.
Proxecto Twitch
A que está a ser a gran revolución das redes sociais para a xente moza, onde se fan retransmisións en directo, será a plataforma na que máis se centrará o Local de Música. Desde Twitch faranse os directos e retansmisións en streaming e buscarase a implicación activa de xente moza para a realización desta iniciativa.
Proxecto Spotify
No nova canle de Spotify seguirase convidando a diferentes persoas de Pontevedra a crear listas de reprodución coas súas seleccións. Esta iniciativa pretende dar visibilidade aos diferentes proxectos e axentes clave da cidade conectados coa música e tender liñas de diálogo e colaboración.
MusicLAB
Tal e como estaba previsto no proxecto, continúase coas propostas referidas ao uso da tecnoloxía na música. Neste proxecto achéganse novas ideas e propostas para o uso de solucións tecnolóxicas para os grupos de música desde diferentes planos (ferramentas de xestión, de edición, música electrónica, etc.).