Lecer, cultura e delicatessen amplían a oferta do portal E-ponte.com
Por Redacción
O marketplace E-Ponte.com segue en expansión. Este portal que permite vender a través de Internet a numerosos comercios locais conta xa con 110 negocios habilitados para a venda. E os últimos en sumarse pertencen ao sector do lecer ou a cultura.
"A adquisición de libros, xogos e cursos, e o da alimentación, con produtos moi concretos e delicatessen, froito das restricións impostas á hostalería e a conseguinte migración do consumo que antes se facía nos restaurantes ao ámbito privado, ás propias casas", enumera a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, os bens que contizan á alza nesta canle.
Nun contexto de restricións en hostalería e comercio, os consumidores atoparon en páxinas como e-ponte.com ou ponteabastos.com, un espazo no que satisfacer a súa demanda de produtos tradicionais como pans artesanais, queixos ou xamóns, así como produtos gourmet como algas.
A concelleira socialista puido constatar tamén que os comercios dedicados ao entretemento e á cultura "tamén dispararon neste período o seu mercado online, con librarías que venden moitísimo a través de Internet e centros e academias de ensino que, ao non poder celebrar presencialmente as súas clases debido ás limitacións ou medidas de confinamento, puideron ofertar servizos como cursos no portal E-Ponte.com".
O creador deste portal municipal, Miro Justo, apunta que "a situación sanitaria disparou a adquisición online de artigos de primeira necesidade, mascarillas, toallitas ou kits antivaho para gafas, así como de roupa, zapatos, zapatillas deportivas, equipamentos e tecnoloxía". Sectores como o da saúde ou a beleza tamén están representados neste marketplace, que funciona desde outubro do 2020.
Blanco anima aos donos de todos os negocios da cidade para sumarse a unha plataforma que en pouco tempo está a facilitar a captación dun gran número de novos clientes. Ademais, desde #Pontelovers seguen celebrando charlas formativas para explicar o funcionamento da páxina e sacarlle o maior rendemento posible.