Convocada a cuarta edición do concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal
Por Redacción
A Real Academia Galega (RAG) e a asociación PuntoGal anuncian a convocatoria da cuarta edición do certame de microrrelatos, que ten como finalidade reforzar a presenza da lingua e da identidade galega no mundo dixital.
Estas entidades organizadoras repartirán nove premios entre as persoas que queiran concursar. O certame está aberto a todas as idades e deberán presentarse entre o 1 e o 28 de febreiro a través da nova páxina web relatos.gal, onde se atopan as bases.
Os textos deberán contar cun máximo de 200 palabras. Na categoría infantil poderán participar escolares ata os 11 anos; na xuvenil, mozas de entre 12 e 17 e na categoría de adultos estará aberta a todas as persoas maiores de 18 anos.
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos como ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros, sempre relacionados coa lectura. As historias premiadas publicaranse nas páxinas das entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes.
O prazo de presentación coincide coa campaña de PuntoGal para rexistrar un dominio .gal durante dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE.