Caldas de Reis é elixida entre os dez destinos máis acolledores de España
Por Redacción
O buscador de viaxes Booking.com vén de anunciar a entrega dos premios Traveller Review Awards 2021 a través dos que recoñece o traballo dos establecementos que se comercializan a través desta web en función da puntuación que deixan os clientes.
Coa proporción de aloxamentos premiados en 2021, a plataforma de reservas tamén establece cales son as rexións do mundo onde os viaxeiros poden gozar dunha maior amabilidade. Dentro dos lugares máis acolledores de España é onde Caldas de Reis aparece no posto número 8 entre os 10 mellores destinos distribuídos por todo o país.
Na listaxe atópanse zonas rurais e cidades pequenas e medianas que destacan, todas elas, pola súa atractiva oferta turística e cultural. O "top ten" quedaba desta maneira: Albarracín (Aragón), Mérida (Estremadura), Santillana del Mar (Cantabria), Úbeda (Andalucía), Arzúa (Galicia), Cáceres (Estremadura), Almagro (Castela-A Mancha) Caldas de Reis (Galicia), Órzola (Canarias) e Hondarribia (País Vasco).
A través de Booking comercialízanse case 40 establecementos e aloxamentos turísticos de todo tipo de Caldas de Reis, dos que unha gran maioría están no nivel máximo de valoración que dá acceso a estes premios.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, valoraba esta distinción "como un orgullo para todos e todas as caldenses" e puxo de relevo "o enorme mérito de que Caldas sexa recoñecida a nivel nacional e internacional polos propios viaxeiros xunto con destinos referentes como Mérida, Úbeda ou Santillana del Mar" ao tempo que lembraba que Caldas ten como lema dende hai 20 anos o de: "a Vila Termal acolledora e dinámica".
Rey destacaba o papel fundamental que xogan o Camiño de Santiago e o Festival Portamérica nesta singularidade e dixo ter esperanza de que "neste 2021 sexamos capaces de deixar atrás o pesadelo da pandemia e recuperar a actividade cultural e turística que nos diferencia como vila e fai que sexamos un referente nacional".