As salas comerciais de Pontevedra proxectan o premiado documental 'A media voz' de Matriuska Producciones
Por Redacción
Este venres estréase en Pontevedra a película documental 'A media voz' nas salas comerciais de Cinebox Vialia, nunha sesión ás 19.30 horas e permanecerá na carteleira pontevedresa durante os vindeiros días. Este filme é unha coprodución de catro países, Francia, Cuba, Suíza e España, a través do traballo realizado polo pontevedrés Daniel Froiz coa súa empresa Matriuska Producións.
'A media voz' conta a videocorrespondencia que mantiñan as cineastas cubanas exiliadas Patricia Pérez e Heidi Hassan. Estas dúas creadoras reencóntranse, quince anos máis tarde de perder o contacto, e analizan os retos que supón a súa carreira creativa, tratan cuestións relacionadas coa maternidade e a súa identidade como emigrantes.
As dúas creceron en Cuba e estudaron na academia de cinema da Habana e reconstruíronse lonxe de Cuba. A editora e cineasta galega Diana Toucedo é a encargada de montar todo o amplo material gravado destas conversacións entre as dúas protagonistas.
Antes de chegar ás salas comerciais, este documental logrou o Premio á Mellor Película no Festival Internacional de Cali e o Premio do Público en Documenta Madrid; a Biznaga de Prata á mellor dirección de Documentais na 23 edición do Festival de Cinema de Málaga, IDFA, Premio á Mellor Longametraxe; Premio ao Mellor Documental no Festival de Cinema Latinoamericano da Habana; Sección oficial do Goterborg Film Festival, Festival de Cartaxena de Indias; l'Alternativa e Festival Internacional de Miami.