O Museo Torres funcionou no 2020 como o motor cultural de Marín
Por Redacción
O Museo Manuel Torres de Marín converteuse este ano tan extraño e duro de pandemia nun lugar de desconexión da realidade que nos arrodeou. Así o demostran os datos de afluencia, que aumentaron con respecto ao ano pasado, "logrando o seu obxectivo de difundir tanto a figura de Manuel Torres, así como doutros artistas locais", afirmou a concelleira Itziar Álvarez.
O Ano Torres continuará a súa conmemoración despois de que moitas actividades quedasen paralizadas por mor da Covid. Ademais, segue sendo un ano cunha data relevante para o artista de Marín, xa que será a conmemoración dos 120 anos do seu nacemento.
"Seguiremos organizando actividades en torno á figura do noso pintor máis ilustre e animamos á veciñanza e aos centros escolares a que, cumprindo as normas, visiten o noso Museo para coñecer máis de preto a súa figura", afirmou Álvarez.
Durante este 2020, o Museo, a pesar das circunstancias, mantivo unha boa frecuencia de organización de citas culturais. En xaneiro, Can de Papel e Kosmosystem inauguraron o ano cunha exposición novidosa, que atraeu a moitos nenos grazas á espectacularidade das figuras feitas con papel.
En febreiro mantívose a tradicional cita coa camelia, afianzando esta cita como unha das máis importantes do ano e acompañándoa da exposición do pintor Álex Vázquez.
Marzo comezou coa exposición da historia dos escudos e da bandeira de España, da man da Asociación Retógenes, que foi retomada en xullo, unha vez foi posible reabrir o Museo, e que contou con visitas grupais de membros da Brilat e da Escola Naval.
A Asociación Céltica expuxo os seus traballos de fin de curso, unha cita anual no noso Museo, no seu apoio constante aos novos valores marinenses. E a Artista Marinense do Ano, Rosa Crespo, ofreceu unha exposición do seu percorrido como pintora. Tamén o pintor marinense Manuel Santos elixiu o Museo para despedirse da actividade expositiva, cuns espectaculares cadros de gran formato.
Finalmente, o gran peche deste ano foi a restauración do cadro de Torres "Los niños comiendo pasteles", unha imitación dun cadro de Murillo que pintou durante a pandemia de 1918.
INAUGURACIÓN DO ASCENSOR
O 2020 tamén foi un ano positivo para o Museo en canto á mobilidade e á accesibilidade, xa que se inaugurou o ansiado ascensor, que permitirá a persoas con cadeira de rodas ou con problemas de mobilidade acceder ás salas de exposición.
Este foi un compromiso por fin cumprido, que contou co apoio económico da Xunta de Galicia, cuxo vicepresidente, Alfonso Rueda, inaugurou xunto coa alcaldesa, María Ramallo.
Relacionadas:
-
Os pequenos da Escola Infantil O Grupo inspíranse no Museo Manuel Torres
Por Redacción |
-
Marín segue traballando nas liñas de colaboración e apoio ás asociacións culturais
Por Redacción |
-
O Museo Torres de Marín acolle unha mostra das portas artísticas de María Sancho
Por Redacción |
-
Ilustracións de portas históricas de Marín marcarán o paso dos meses de 2021
Por Redacción |
-
O cadro que pintou Manuel Torres durante a pandemia de 1918 xa está no Museo
Por Redacción |
-
O Museo de Marín exporá creacións de Manuel Torres asociadas co Nadal
Por Redacción |