Aberto o prazo para que profesionais galegos presenten deseños para o cartaz do Salón do Libro de Pontevedra
Por Redacción
A organización do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abriu a convocatoria para que todos os profesionais do deseño galego que o desexen poidan presentar os seus deseños para encargarse do cartel da edición 2021 desta cita cultural.
A situación de emerxencia a partir da crise da covid-19 levou á organización a suspender convocatoria do Premio Internacional de Ilustración do Salón e optar por apoiar o sector creativo galego escollendo un deseño dun creador da comunidade para o cartel.
A convocatoria está aberta ata o 6 de xaneiro de 2021 (hora máxima: 23.59 horas). Todas as persoas intersadas deberán enviar o seu portfolio ao email ilustra@salondolibro.gal.
Poden participar ilustradores e ilustradoras galegos ou ilustradores doutra procedencia que residan e realicen a súa actividade profesional en Galiza.
Os portfolios participantes na convocatoria deberán presentarse nun dossier en formato pdf que contará con non menos de dez nin máis de trinta ilustracións escollidas entre o seu traballo recente que consideren que máis poden encaixar co público infantil e xuvenil ao que vai destinado o Salón e coa temática (ecoloxía e cambio climático ) da vindeira edición 'Emerxencia literaria: libros para salvar o planeta', que se celebrará entre o 5 e o 21 de marzo de 2021.
A organización do Salón valorará a calidade técnica, compositiva, a adecuación ao público infantil e xuvenil das obras, o universo creativo do artista e a potencialidade do seu traballo, independentemente da súa traxectoria previa. Terase en conta a orixinalidade e a capacidade comunicativa do conxunto da seu traballo.
A persoa seleccionada terá un máximo dun mes, a partir do momento de comunicación da súa escolla, para presentar a súa proposta de cartel. Antes de entregar a ilustración final, o ilustrador/a seleccionado proporcionará á organización do Salón un bosquexo ou varios do mesmo, que terá que ser aprobado pola dirección artística do Salón.
Toda a información sobre as condicións da convocatoria está a disposición das persoas interesadas en www.salondolibro.gal.
Relacionadas:
-
A pandemia obriga a adiar o Salón do Libro, que empezará o 23 de abril
Por Natalia Puga |
-
O Salón do Libro bebe da experiencia dun 2020 confinado e de Culturgal: "abriremos as portas virtuais para a participación de todo o mundo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
O Salón do Libro volta en marzo do 2021 para salvar o planeta coa axuda dos libros
Por Manu Otero |