A Deputación concede subvencións para promoción da lingua galega
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións do Departamento de Lingua a un total de 23 concellos da provincia en réxime de concorrencia competitiva co obxectivo de "dar prestixio ao galego", tendo unha partida inicial de 100.000 euros.
No caso Concello de Cerdedo-Cotobade, a subvención e 4.900 euros concedeuse para a elaboración dun calendario de parede (1.500 unidades) cunha lámina divulgativa centrada nun mapa do municipio no que se indica a toponimia das 23 parroquias do Concello e que inclúe fotografías de lugares de interese do concello coa súa correspondente toponimia. Tamén se editou un calendario de mesa.
A publicación da revista municipal A Pedreira foi o obxecto da subvención de 3.950 euros para o Concello da Lama. Trátase dunha ferramenta municipal de información e promoción turística referente para toda a veciñanza, que iniciou a súa andaina hai dezasete anos. Abrangue contidos turístico-culturais relacionados con: patrimonio, arte, lingua, toponimia, historia, xeogrfía, etnografía, arqueoloxía, natureza, gastronomía e medio ambiente. Cada unha das edicións pon en valor a riqueza cultural do municipio ao tempo que fai un percorrido por tradicións, costumes e vida veciñal.
O Concello de Moraña recibiu 4.250 euros para a campaña "O noso comercio quere o teu galego", con presenza en diferentes soportes publicitarios cunha imaxe unificada. Tamén se organizou un concurso no que os participantes debían recomendar un establecemento do comercio local de Moraña do que fosen clientes e explicar por que o recomendaban sempre en galego.
"Tan Preto!" é unha iniciativa que naceu da Concellaría de Educación e Cultura do Concello de Poio para crear un conto cun vídeo explicativo, ambos en galego, co fin de traballar positivamente a experiencia vivida polas crianzas e familias nos meses de illamento pola crise sanitaria da covid. O proxecto recibiu 4.364 euros.
O Concello de Ponte Caldelas, pola súa banda recibiu 2.516 euros para un calendario de dinamización sociolingüística con refráns populares en galego para 2021. A idea é que o calendario recolla todas as festas populares de todos os lugares e parroquias do Concello de Ponte Caldelas, así como unha selección de refráns significativos do refraneiro popular galego en cada mes do vindeiro ano; e ao mesmo tempo en cada mes recolla nunha fotografía unha mostra dos principais recursos patrimoniais do concello.
O Concello de Cuntis recibiu 3.765 euros para a campaña #Faiogalegoviralnocomerciolocal, que se pretende expandir ó ámbito nacional e internacional e construír unha imaxe positiva da lingua galega e do comercio local.
No Concello de Cambados a Concellería de Normalización Lingüística decidiu editar o libro "Ramón Cabanillas Enríquez. Esta é a súa historia". Trátase dunha biografía do ‘Poeta da Raza’ adaptada para todas as idades coa finalidade de divulgala e compartila gratuitamente entre a cidadanía para que as xeracións máis novas coñezan e as máis vellas non esquezan aos persoeiros que, como o Bardo de Fefiñáns, poñen a Cambados dentro do mapa histórico, político, literario ou artístico de Galicia e do Estado. Para este traballo recibirán 8.704, 80 euros.
No caso do Concello de Ribadumia, realizarase o libro ‘Os cruceiros de Ribadumia’, promovido dende o ámbito local e coa colaboración de artistas locais, para a redacción, aporte de imaxes e realización de traballos topográficos. A subvención será de 3.364 euros.