Concerto de Aninovo da Orquestra Filharmónica de Pontevedra con Abraham Cupeiro e os seus "sons esquecidos"
Por María José Pita
Con todas as medidas de seguridade, o vindeiro 1 de xaneiro celebrarase no Pazo da Cultura o tradicional Concerto de Aninovo 2021 que organiza o Concello de Pontevedra e a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
Por mor da situación sanitaria que obriga a limitar o aforo, programaranse dúas sesións: ás 17:30 e ás 20:00 horas.
Este luns, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, na presentación do concerto comentaba que unha entrada ao mesmo "pode ser un bo agasallo de Nadal". Neste sentido, lembraba que, en comparación con eventos desta categoría celebrados noutros lugares, o prezo das entradas é moi axustado: 12 euros para o público xeral e 10 euros para persoas paradas, maiores de 65 anos ou con carné xove.
As entradas atópanse á venda na páxina de Ataquilla.com que tamén ten habilitado o teléfono 902 504 500. De non esgotarse as entradas, poderanse adquirir na billeteira do Pazo da Cultura desde dúas horas antes das funcións.
Judith Rey, a vicepresidenta da Orquestra Filharmónica de Pontevedra, explicaba que o concerto vai ter dúas partes: a primeira, co músico e luthier Abraham Cupeiro como solista e a segunda cos 50 músicos da orquestra rememorando os sons de Viena, como valses ou polcas. O director convidado será Rafael Agulló.
Nesta ocasión, non haberá descanso no medio de cada concerto, para asegurar que en todo momento se manteñen as distancias interpersoais necesarias na actual situación sanitaria.
Así mesmo, Rey aludía á dificultade de organizar os ensaios durante a pandemia e agradecía ao Concello de Pontevedra que cedese as instalacións do Pazo da Cultura para que os músicos que integran esta agrupación puidesen manter a súa actividade, tanto os profesionais como os moitos rapaces que integran a canteira e que deste xeito poden ter a oportunidade de aprender con músicos experimentados.
OS SONS ESQUECIDOS
'Os Sons Esquecidos' é o título do proxecto musical do construtor e multiinstrumentista Abraham Cupeiro, no que mestura instrumentos de épocas pasadas, que mesmo se remontan á idade de bronce, cunha orquestra moderna.
O músico quixo traer á presentación algúns destes instrumentos, entre os que destaca pola súa presenza o karnyx, unha trompeta celta de 3 metros de lonxitude e que evoca co seu son a melodía das sereas e do mar.
O artista de Sarria chega a Pontevedra trala súa estadía o pasado mes de novembro en Londres gravando o seu novo proxecto 'Pangea' coa Royal Philharmonic Orchestra nos míticos estudos Abbey Road.
Relacionadas:
-
Éxito do Concerto de Aninovo, coas entradas esgotadas e unha lección da Filharmónica cos poemas galegos de Lorca
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Aberto o prazo de inscrición ás probas de acceso para a Xove e para a Infantil Orquestra Sinfónica
Por Redacción |
-
Á venda as entradas do tradicional Concerto de Aninovo
Por Redacción |
-
Unha viaxe musical a través do mundo e do tempo para darlle a benvida a 2021
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Música en directo, literatura e a alma de Xeve para recibir o ano
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Concerto de Aninovo cambia o ballet por unha opereta con Xeve como "nexo de unión"
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- A Filharmónica Cidade de Pontevedra pon a banda sonora ao ano novo
Por Diego Torrado & Redacción |