As "realidades paralelas" de Cristina Pato gañan o XVII Premio Fernández del Riego de xornalismo
Por Alejandro Espiño
Un artigo publicado en La Voz de Galicia baixo o título "Realidades paralelas" serviulle a Cristina Pato para converterse na gañadora do XVII Premio Fernández del Riego de xornalismo, que se fallou este xoves no Café Moderno de Pontevedra.
A autora, que superou aos dous outra finalistas Míriam Ferradáns e Diego Giráldez, quixo agradecer aos seus compañeiros que puxesen en valor nos seus artigos a "necesaria atención" ás emocións, especialmente nun ano tan complexo.
No seu discurso, Pato destacou o "amor" á familia, aos amigos e á literatura, especialmente a galega, que nos meses de confinamento "foron o meu apoio porque era a que me quedaba máis a man", ao pasar a corentena en Galicia.
Ademais, quixo dedicar o premio á súa familia e sobre á súa nai, protagonista de boa parte dos seus artigos. Tamén destacou que a escritura é a actividade "que máis me enche" nos últimos anos e adiantou que está a escribir a súa primeira novela.
Á hora de premiar o seu artigo, o xurado destacou o "valor literario" dun texto que, do mesmo xeito que os outros finalistas, "está destinado a perdurar" e achegar a literatura á prensa.
No caso de "Realidades paralelas", Cristina Pato relata unha metáfora do amor interxeracional, "á que poderemos regresar, co mesmo interese de hoxe, dentro de moitos anos", segundo o presidente do xurado, Víctor Freixanes.
A entrega do premio Fernández del Riego, que está dotado con 10.000 euros, realizouse nun acto que contou, entre outros, coa participación do director xerente de Afundación, entidade organizadora destes galardóns dedicados ao ámbito do xornalismo.
Pedro Otero Espinar quixo agradecer as "historias" e as "palabras" dos artigos finalistas nesta décimo sétima edición, celebrada nun ano "extraordinario" en todos os ámbitos e coincidindo co décimo aniversario do falecemento de Francisco Fernández del Riego.
CRISTINA PATO, COÑECIDA POLA SÚA LABOR COMO ARTISTA
Aínda que este premio recoñece a súa vertente como escritora, Cristina Pato é máis coñecida para o público pola súa labor como gaiteira e pianista. Toda a súa vida profesional estivo dedicada á interpretación e á docencia que explora o rol das artes e das ciencias na sociedade.