O Museo celebra as festas cunha exposición de tarxetas de Nadal recibidas por Filgueira Valverde
Por Redacción
Desde este xoves 3 de decembro ata o 24 de xaneiro, o Museo de Pontevedra acollerá unha sorprendente exposición na que se mostra unha selección de tarxetas do Nadal que foron recibidas por Xosé Filgueira Valverde, cando era director da institución museística, entre os anos 1940 e 1986, aínda que continuou colaborando ata o seu falecemento.
Nesta exposición preséntanse 400 das máis de 9.000 tarxetas postais da Colección Filgueira e ofrecerá, segundo a comisaria Sabela Santos Filgueira, "pequenas xoias de arte e de lírica do Nadal".
Ademais, a sala que acolle esta mostra ofrece a posibilida de ver tres grandes tarxetas reproducidas a tamaño xigante para que o público asistente se fotografíe e felicite coa foto a outras persoas durante estas festas. Con esta iniciativa, que leva por título 'Nadais. Colección Filgueira Valverde' desde a dirección do Museo quérese ofrecer tamén unha imaxe da cantidade extraordinaria de relacións que o polígrafo mantiña tanto coa intelectualidade de Galicia como do exterior.
Figuras tan relevantes para a literatura española como Gerardo Diego, Torrente Ballester, Miguel Delibes, Camilo José Cela ou Buero Vallejo, entre outros, súmase a nomes da categoría de María Vitoria Moreno, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz Andrade ou Xesús Alonso Montero, representantes da literatura en Galicia.
No terreo das Artes aprécianse outras figuras como Maruja Mallo, Carlos Sobrino, o escultor Acuña, Agustín Portela ou José Sesto. A estes súmanse tamén creadores musicais, políticos, representantes de editoriais, arquitectos, arqueólogos, condes, marquesas e amizades que se atopaban emigradas.
A mostra divídese en tres apartados; unha zona dedícase a artistas plásticos, outra se centra na poesía galega das tarxetas; e por último, unha parte dedicada á música con cánticos do Nadal populares, poemas de Xosé Díaz Jácome, ou panxoliñas recolleitas por Iglesias Vilarelle para a Coral Polifónica de Pontevedra.
Relacionadas:
-
"Nadal saudoso e que veña mellor 2021", a felicitación que a memoria de Filgueira Valverde transmite na mostra 'Nadais'
Por Redacción |
-
Castelao, da man da conservadora do Museo Ángeles Tilve, abre o Congreso 'Encontros Museísticos. As coleccións do exilio'
Por Redacción |
-
Coñece as singularidades do Edificio Sarmiento a través de #aportapechada do Museo
Por Redacción |