Culturgal bota o peche coa vista posta xa nunha nova edición dixitalizada en novembro de 2021
Por Redacción
As cifras chaman a atención. Máis de 70 propostas culturais, 12 cámaras recollendo todo o que sucedía, catro escenarios, 20 horas de retransmisión e máis de 60 persoas traballando. Así se viviu durante esta fin de semana a Feira das Industrias Culturais de Galicia Culturgal, que chegou a 900 persoas de xeito presencial e tivo máis de 9.000 reproducións nas tres canles de programación.
Co lema 'En caso de emerxencia, cultura', afrontou a súa edición máis complicada pola necesidade de adaptarse á nova normalidade derivada da pandemia da covid-19 e ás restricións adoptadas polas autoridades para frear a expansión do virus, e logrou saír con balance positivo en canto a participación e impacto.
Agora, xa pensan na edición 2021 e avanzan que tirarán das leccións aprendidas neste ano pandémico. Esa nova cita xa ten data: 26, 27 e 28 de novembro. E ten tamén obxectivos: recuperar a presenza de stands aos que este ano tiveron que recuperar e manter a súa filosofía de punto de encontro anual do sector cultural en Galicia.
En todo caso, tampouco esquecerán esta edición 2020 e xa avanzan que seguirán traballando no formato de retransmisión como idóneo para chegar a máis público, pois esta edición demostrou que a recepción dos espectáculos e eventos a través dunha pantalla é un ferramenta moi potente para romper barreiras de acceso cultural.
Xosé Aldea, director da Culturgal, valora que unha boa realización e transmisión das propostas compensa en boa parte a non presenza física e permite a conexión con novos públicos e adianta que retransmisión da programación para chegar a máis público "ven para quedarse".
Así, insiste en que o obxectivo é recuperar canto antes a parte feiral de Culturgal, pero engade que todo o sector cultural debe entender que a retransmisión ofrece moitos beneficios á hora de mostrar proxectos, produtos ou servizos.
A organización tamén destaca que a resposta presencial superou a súas expectativas, sobre todo tendo en conta que o peche perimetral adoptado pola Xunta de Galicia tan só permitía que asistira a poboación de Pontevedra. Poio, Marín, Vilaboa, Barro, Ponte Caldelas, Soutomaior e Cerdedo-Cotobade.
Había limitación de ocupación e necesidade de convite previo e, pese a todo, algunhas actividades esgotaron as entradas: todas as películas proxectadas na sala de cinema, o encontro de Banda Deseñada e a conversa con Manuel Rivas e Elba Pedrosa no Teatro Principal, os concertos de Susana Seivane, Cas Berlai, Luar na Lubre, A Central Folque e o espectáculo infantil de Pakolas no Auditorio do Pazo da Cultura, a performance teatral e poética de Rosalía Fernández Rial e Marta Pérez “Inversa Teatro” ou Opera Break´s, o show de breakdance e ópera producido por Vella Escola no Pazo da Cultura.
Durante a xornada deste domingo, última dos tres días de evento, a organización destaca a actividade organizada no Espazo Libro no Teatro Principal, un evento especial dedicado aos libros da pandemia editados en Galicia.
Entre eles están a tradución de Pandemia de Slavoj Zizek, realizada por Carlos Aymerich e editada por Galaxia; o volume Setenta ideas para a (post)pandemia, editado por Catro Ventos coa participación de sete autores ou o último proxecto de Xurxo Souto: 'Pangalaica, recortes poderosos'.
Poñendo o foco na alerta sanitaria, tamén este domingo a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Audiovisuais (AGATEC) abordaron o temas dos aforos nos eventos culturais nesta época de restricións de mobilidade.
Relacionadas:
-
Culturgal desconfínase e recupera a presencialidade "sen perder de vista a dixitalización"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pablo Prado e Miguel Rojo gañan o certame de banda deseñada do Garaxe Hermético
Por Redacción |
-
O Salón do Libro bebe da experiencia dun 2020 confinado e de Culturgal: "abriremos as portas virtuais para a participación de todo o mundo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
A cultura que trouxo a pandemia, no Culturgal con maior proxección
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
"Este é o momento de reivindicar a cultura"
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
Culturgal levanta o pano coa estrea de "Ons" nunha edición marcada pola pandemia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Seis cooperativas e unha sociedade laboral presentarán no Culturgal os seus espectáculos e actividades
Por Redacción |
-
O Culturgal será escenario de múltiples actividades culturais promovidas desde Pontevedra
Por Redacción |
-
"Non hai pandemia que poida co Culturgal"
Por María José Pita & Mónica Patxot |