Carmela Silva no Culturgal: "Este é o momento de reivindicar a cultura"
Por Cristina Saiz & Almu Dapena
A 13º edición de Culturgal xa comezou. Nun ano marcado polas restricións impostas para conter a pandemia da covid-19 onde se obrigou a moitos artistas para ter que cancelar os seus eventos, a maior feira das industrias culturais de Galicia deu o pistoletazo de saída coa intención de ser un revulsivo para liderar a recuperación económica do sector cultural da autonomía.
Un evento que adoitaba contar coa participación de innumerable público, nesta ocasión tivo que adaptarse para celebrarse con aforo moi limitado, coa súa programación presencial, pero con emisión en liña durante 20 horas para que ninguén perda detalle do ocorrido nesta edición tan particular.
A Deputación de Pontevedra, da man da presidenta, Carmela Silva, presentou durante a mañá do sábado o programa 'Re-Acciona Culturgal' o proxecto 'Acorda', última iniciativa do programa 'O Pasado está Porvir' e a acción artística a favor da igualdade coa performance de María Roja 'Can Cancela Calafrío'.
As actividades do sábado iniciáronse ao redor das 11:00 horas coa presentación do programa 'ReAcción Cultural' da man da presidenta da Deputación, Carmela Silva, a deputada de Cultura, Vitoria Alonso, e a directora de Cultura, Paula Cabaleiro. A presidenta quixo remarcar que "este é o momento de reivindicar a cultura, de que haxa recursos de todas as administracións para apoiala". "A cultura é un dereito e ten que chegar a todos os recunchos", engadiu.
É por iso que presentaron o amplo abano de actividades que se desenvolvesen no que queda de ano e ao longo de 2021, onde o principal obxectivo para a presidenta é "levantar telóns, iluminar escenarios, visitar librarías, seguir ocupando as rúas accións, empoderar ás mulleres e vencellarnos co noso patrimonio".
Con 'ReAcción na Música' a Deputación apostará por máis de 300 actuacións e continuará ao lado dos Rías Baixas Fest, sen esquecer o 'ReAcción no Patrimonio' e 'ReAcción nas Artes Escénicas', ofrecendo 8 representacións coas principais compañías galegas, gravadas e dispoñibles en streaming a través da web.
Tamén chegará a Pontevedra Estudio de Cinema con 'ReAcción na produción audiovisual e no Cinema' co patrocinio de cinco películas rodadas na provincia, e 'ReAcción na Escrita', onde apoiarán a escritura e a literatura. Así mesmo, con 'ReAcción contra as Violencias de Xénero' e da man de Violencia Zero, a Deputación contará con mulleres artistas que berrarán a través da súa arte.
Sobre as 11:30 horas comezou a presentación de 'Acorda' O pasado do Porvir. Trátase dunha proposta da Deputación para analizar ideas transformadoras que se atopaban en vigor antes de que se producise o golpe de estado do ano 1936, cos posteriores anos de ditadura. A presidenta da Deputación, acompañada por María Ortega, deputada de Memoria Histórica e Lingua, e por Uxía Senlle, presentaron a acción con formato de vídeos nos que soaron voces en espazos emblemáticos da provincia con forte vinculación coa memoria histórica.
Trátase dun " proxecto urxente para dar voz ás vítimas a través de cancións. Ten un ton reivindicativo, algo moi importante para as novas xeracións, recreando episodios desgarradores dá nosa historia", explicou Uxía Senlle. Con este traballo "queremos salientar o papel das mulleres na resistencia, que son castigadas cun esquecemento cruel. É un proxecto moi ameno e dirixido a un público amplo. Queremos rexeitar o fascismo revisando o pasado, para previr que avance", concluíu.
A xornada matinal concluíu coa representación de 'Can Cancela Calafrío' da man de María Roja. Trátase dunha das accións do programa Violencia Zero da Deputación que máis impactaron ao público.
Carmela Silva foi a encargada de presentar a performance, destacando a importancia do programa para denunciar as violencias machistas. "En todos os concellos e centros educativos da provincia onde as mulleres prestan a súa creatividade para facer un diálogo coa sociedade que permita cambiar esa situación de discriminación, violencia, subordinación na que o sistema patriarcal sitúa ás mulleres", explicou a presidenta.
Relacionadas:
-
Un mural en Caldas para denunciar unha sociedade que "maquilla" a violencia machista
Por Redacción |
-
Culturgal bota o peche coa vista posta xa nunha nova edición dixitalizada en novembro de 2021
Por Redacción |
-
O Salón do Libro bebe da experiencia dun 2020 confinado e de Culturgal: "abriremos as portas virtuais para a participación de todo o mundo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
A cultura que trouxo a pandemia, no Culturgal con maior proxección
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Culturgal levanta o pano coa estrea de "Ons" nunha edición marcada pola pandemia
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A Deputación levará o teatro ás casas coa retransmisión de oito funcións
Por Oskar Viéitez |
-
25N | Berro de liberdade en Pontevedra contra a dor da violencia machista
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |