'Running', unha comedia suorenta, fai parada no Auditorio
Por Redacción
Deporte e teatro únense este venres no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa a través de 'Running', unha peza teatral da autora e directora Esther F. Carrodeguas, que leva ao escenario a compañía De Ste Xeito Produción. A obra comezará ás 20.00 horas este 27 de novembro con capacidade limitada de público polas restricións sanitarias. As entradas xa están esgotadas.
A historia de ' Running' céntrase en Xulia e Román que acaban de coñecerse e envíanse o seu primeiro whatsapp. Desta forma comeza unha trama na que se combinan amor e humor, relatando as complicacións das relacións dunha parella nunha sociedade que obriga a ter unha vida acelerada, sobreinformada e caótica.
En escena, Stephy Llaryora e Sergio Macías interpretan a personaxes que ven condicionados polas súas familias, pola súa traxectoria persoal e polos seus temores ante a posibilidade de iniciar unha relación nova que supoñerá máis deberes e pensar menos nun mesmo.