Xoves de Ponteatro coa montaxe '#camiños', de ButacaZero
Por Redacción
'#camiños' é o título do espectáculo que este xoves 26 de novembro, ás 21.00 horas, chegará ao Teatro Principal de Pontevedra a través do ciclo Ponteatro. Trátase dunha montaxe da compañía ButacaZero que comezaba a súa xira no ano 2018 e que ofrece unha visión divertida e visualmente impactante sobre a Galicia baleira a través da perspectiva da xeración millenial.
Os creadores da montaxe son Xavier Castiñeira como director e Esther F. Carrodeguas como autora do texto, a dramaturga tamén forma parte do elenco artístico en escena acompañada das actrices Noelia Blanco, Celina Fernández, Pía Nicoletti e Noa Covelo.
Coreografías mesturadas con teatro textual,música, playback ou teatro físico son algúns dos elementos que se mostran nesta montaxe que pretende ofrecer unha festa escénica con elementos reflexivos sobre a identidade galega.
A historia de '#camiños' achégase a dous personaxes que comparten asento no aeroporto para viaxar aos Estados Unidos. A partir dese momento combínanse poemas de Rosalía con música electrónica, spinning con churrasco e fotos en cor sepia visibles a través da rede social Instagram.
Aínda hai entradas á venda para esta función, que se desenvolverá atendendo aos protocolos sanitarios de límite de capacidade e de distancia entre o público asistente. As entradas poden adquirirse a través de Ataquilla ao prezo de 8 euros.