
© Ateneo Santa Cecilia de Marín
O Ateneo Santa Cecilia celebra os seus 68 anos de existencia

Por Redacción
O Ateneo Santa Cecilia de Marín, referente cultural na vila, celebraba este sábado o seu 68 aniversario cun acto que non puido ser multitudinario debido ás medidas de limitación de persoas. Durante o evento homenaxeouse a Manuel Santos Juncal e a Mario Capa Riveiro, dous veteranos da entidade que recibiron un agasallo de recordo.
O Ateneo continúa programando actividades co obxectivo de manter tradicións de Marín como o Enterro da Sardiña, a festa dos Maios, A danza de Espadas de San Miguel, ademais de concursos literarios, certames de debuxo, presentación de libros, conferencias, concertos de música e exposicións, entre outras actividades.
O nacemento desta entidade producíase en 1952 cando un grupo de intelectuais e profesionais de diferentes sectores de Marín reuníronse un 22 de novembro, con motivo da celebración de Santa Cecilia, patroa dos músicos, e decidían crear unha asociación cultural. Ao longo dos anos xurdiron diferentes artistas formados nos seus talleres creativos e obtivo o recoñecemento de Entidade de Utilidade Pública.