Cotobade presume da súa 'Casa da Gaita' e de grupos locais co ciclo "Bocados de música"
Por Redacción
Viascón quere presumir da súa Casa da Gaita, o único museo dedicado exclusivamente a este instrumento e a todos aqueles outros que a acompañan e complementan como base e sostén da música tradicional galega. De aí que o Concello de Cotobade puxera en marcha o programa Bocados de Música, que a maiores de que se coñeza o museo e as súas actividades, busca difundir o traballo dos grupos musicais do municipio.
Neste ocasión, o ciclo de concertos fará unha mención especial á parroquia de Borela, dando a coñecer o folclore e o gusto polas tradicións musicais que aínda perviven grazas ao tesón dos veciños da parroquia, cos seus coros infantís e os cantares de reis, entre outros. Estes concertos teñen unha duración curta e a entrada é gratuíta. O aforo está limitado a unhas 50 persoas como máximo.
Ao mesmo tempo, que desfrutan dunha mostra do traballo dos grupos do Concello poderán visitar o Museo e degustar algunha delicia gastronómica propia do municipio. Cada día terá mención algún produto propio do concello como a filloa e o requeixo, entre outros.
O programa da actividade é o seguinte
- 6 de setembro, 20.00 horas: Foula
- 13 de setembro, 20.30 horas: Banda Unión Musical de Tenorio
- 20 de setembro, 20:00 horas: Catro ventos
- 27 de setembro, 20:00 horas: Trazantes de Tenorio
- 4 de outubro, 20:30 horas: Parroquia de Borela
Todas as actividades terán lugar no Museo A Casa da Gaita, un centro xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos desde a súa inaguración en 2011, e que está adicado ao seu primeiro presidente, o mestre gaiteiro Ricardo Portela. A Casa da Gaita está ubicada na parroquia natal de Ricardo Portela, na antiga escola unitaria rehabilitada polo Concello de Cotobade para este fin.