Novacaixagalicia 'tira' de fondos propios para as súas dúas próximas exposicións no Café Moderno
Por Redacción
Novacaixagalicia tirará de fondos propios para as dúas exposicións que programou este outono no seu centro cultural en Pontevedra, situado no Café Moderno. Trátase de Por fin es maior! e Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936, que achegarán aos pontevedreses o día a día dos seus centros de maiores e as obras máis románticas que integran as coleccións de arte Novagalicia Banco e da Fundación Novacaixagalicia.
Por fin es maior! é un proxecto que deriva dunha campaña de marketing que a Fundación Novacaixagalicia e Novagalicia Banco puxeron en marcha a principio deste ano 2013 no que os propios socios dos centros de maiores da fundación galega foron os protagonistas. A mostra, que xa visitou A Coruña e Ferrol, e que nace desa misión promocional, acabou por tomar vida e camiñar soa cando a entidade decide converter en protagonistas aos propios socios.
Así, a idea inicial abandona o ámbito da mera difusión para transformarse, tamén, nun proxecto plástico, emocional, vital e integrador. Cando a fundación convoca un casting entre os integrantes dos seus centros para buscar as imaxes desa campaña, estes implícanse con ela e participan con entusiasmo.
O produto desta implicación e do traballo destes socios é unha campaña que está xa nas rúas galegas así como esta exposición que achega á sociedade á vida e ás actividades dos centros. Na mostra os visitantes poderán ver 27 fotografías a todo cor que representan o traballo e as actividades nas que os socios participan e un vídeo do making off do casting cos momentos máis divertidos.
Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936 é unha mostra que por medio de obras das coleccións de arte de Novagalicia Banco e da Fundación Novacaixagalicia pon de manifesto a internacionalidade e modernidade da pintura galega no período de cen anos que abarca desde 1833 ata 1936.
A exposición confórmana 28 obras de autores galegos como Pérez Villaamil, Bello Piñeiro, Álvarez de Sotomayor, Francisco Lloréns ou Carlos Maside. A través dun exhaustivo análise e dos nomes propios máis destacados da plástica galega, dos que ambas coleccións atesouran algunhas das súas principais creacións, o proxecto deixa constar os paralelismos entre eles e outros artistas de ámbito internacional. Ademais, adiántase a aparición dun esquema realista para a pintura, o cal supón afastarse, a partir do segundo terzo do século XIX, dos orzamentos románticos.
Neste sentido, a mostra evidencia, por unha banda, que o Romanticismo puxo un especial énfase na imaxinación e que dela naceu un caudal importante de creatividade e, pola outra, que co paso do tempo, e de diversos xeitos, a arte procurará ser consecuente coa realidade e intentará lograr a súa captación a partir da súa análise. O Romanticismo e un incipiente Realismo da arte galega exhibiranse en Pontevedra con esta exposición.
A primeira delas será inaugurada o vindeiro martes 24 de setembro e permanecerá aberta ata o 26 de outubro e a segunda estrearase o 6 de novembro e será clausurada o 31 de xaneiro.