Canceladas todas as actividades do Museo para esta fin de semana

Por Redacción
A Deputación anuncia que, dadas as novas restricións sanitarias, aprázase o acto ‘Eterna e Múltipla’ previsto para este venres 30 de outubro ás 20 horas no Museo de Pontevedra con motivo da conmemoración das Letras Galegas. Nos próximos días, tentarase marcar unha nova data, en función de como evolucione a situación epidemiolóxica.
Así mesmo, quedan aprazadas as audicións musicais do Curso de Apreciación Musical 2020 que se ían desenvolver na tarde deste venres e o sábado pola mañá no Museo de Pontevedra, ao tempo que tamén as visitas guiadas sobre a exposición de Xaime Quessada e as habituais da colección xeral.
No caso das visitas, cancélase a prevista sobre a exposición do artista Quessada ás 18 horas deste sábado. Tamén quedan anuladas as visitas guiadas de carácter xeral ás coleccións do Museo deste sábado e domingo.
Finalmente, tamén se cancela a visita ás Ruínas de San Domingos deste domingo ás 14 horas.
O aprazamento débese á aplicación desde as 15 horas deste venres das novas restricións da Xunta de Galicia con motivo da pandemia da covid-19, xa que o texto publicado polo Diario Oficial de Galicia (DOG) restrinxe a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado no concello de Pontevedra a só persoas conviventes.
Os eventos culturais, entende a Deputación, quedan afectados por esta medida, xa que só quedan fóra da limitación de maneira expresa a asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso de práctica de deporte federado.
Tanto a deputada de Lingua, María Ortega, como o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, manifestaron a vontade da institución de volver axendar todas as actividades adiadas tan pronto sexa posible polas circunstancias sanitarias. "De momento non podemos concretar unha data pola situación cambiante que estamos a vivir, pero a nosa intención é manter a programación sen cancelar nada do previsto", manifestou Ortega.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra mira cara o Thysen para mellorar o seu proxecto educativo
Por Redacción |
-
A poesía erótica de Carvalho Calero, centro dun espectáculo audiovisual no Museo
Por Redacción |
-
O Museo pon en marcha as visitas guiadas á exposición de Xaime Quessada
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra abre "O Universo de Xaime Quessada"
Por Redacción |