'Eurozone' de Chévere e 'O método Gronholm' de Talía Teatro, apostas do Pazo da Cultura para outubro
Por Alejandro Espiño
Outubro preséntase animado no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os seus responsables deseñaron unha intensa programación que, a falta de coñecerse por completo, deixa entrever unha clara aposta polas compañías galegas e as producións locais. Así, dúas obras de teatro representadas por Chévere e Talía Teatro, dúas das principais compañías do país, serán as grandes apostas para o comezo do outono.
O Teatro Principal acollerá o 17 de outubro ás 21.00 horas a adaptación que Talía Teatro fixo da coñecida obra O método Gronholm. Protagonizada por Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo, mostra as vivencias de catro aspirantes a ocupar un cargo executivo importante nunha empresa multinacional. Foron convocados a unha última proba que, como descubrirán, non é nada convencional. Están afeitos a superar todo tipo de desafíos, pero esta experiencia é algo completamente diferente.
Unha semana máis tarde, o 24 de outubro ás 21.00 horas, o Auditorio do Pazo da Cultura recibirá á compañía Chévere. Presentarán en Pontevedra o seu novo espectáculo, Eurozone. Trátase dunha aproximación ao gran atraco especulativo feito ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs que conta ao público cales poden ser os paralelismos entre as personaxes desa película e os principais líderes político-económicos de Europa, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro.
Ademais de teatro, o 6 de outubro ás 12.00 horas, o Pazo da Cultura acollerá o espectáculo Na punta do pé. ÿ o título do primeiro traballo de Pesdelán, un espectáculo infantil que anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dunha forma divertida e participativa. ÿ unha proposta didáctica dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera, publicada pola editorial Kalandraka.
A música será a protagonista o 26 de outubro. Ás 21.00 horas chegará a Pontevedra a xira 'senlleira' de Os da Ría. Un espectáculo musical fronterizo, cheo de humor, de crítica intelixente e de bos pretextos para o baile e a diversión. Todo a forza dunha banda formada por músicos como Suso Alonso, Roi Fernández, Ramón Rúa ou Xabier Olite, ao servizo do humor irreverente e ás veces surrealista das súas personaxes, que representan o peor de nós mesmos.
E o 27 de outubro ás 18.30 horas será a quenda dos Concertos para bebés. O Auditorio do Pazo verase inundado pola música destes concertos, recomendados para nenos de 0 a 3 anos. Teñen como matriz a música clásica, pero desenvólvense cun repertorio cheo de temas tradicionais de pop-rock e de improvisacións vocais e instrumentais coa participación de todo o público.
Será un aperitivo da programación de outono-inverno, unha das principais do Pazo da Cultura. Os detalles desta oferta cultural coñeceranse en próximas semanas, pero nela non faltarán citas clásicas como Domingos do Principal ou os Concertos en Familia que, debido á gran acollida que tiveron en anos anteriores, manteranse no calendario de actividades que está ultimando a Concellaría de Cultura.
Relacionadas:
-
Pontevedra, penúltima parada de Chévere antes de levar a súa tarantiniana "Eurozone" a Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
Adéntrate con Chévere nas entrañas de "Eurozone", un axuste de contas con Europa ao estilo 'Tarantino'
Por Oskar Viéitez |
-
Os xoves, Pontevedra ten que botarlle teatro á vida
Por Redacción |
-
Els Joglars, Charo López ou Miguel Ángel Solá, protagonistas da programación teatral de Novacaixagalicia ata decembro
Por Alejandro Espiño |