Matriuska rodará nas Rías Baixas a primeira longametraxe de Álvaro Gago, creador de "Matria"

Por Alejandro Espiño
A produtora pontevedresa Matriuska xa ten novo proxecto entre mans. E para el ficharon a un dos talentos emerxentes do cinema galego, o realizador vigués Álvaro Gago. Creador da aclamada curtametraxe Matria, rodará con eles a súa primeira longametraxe.
Aínda que o proxecto, que durante a fase de preprodución recibiu o nome de Algo parecido á felicidade, o produtor Dani Froiz explicou que "seguramente" a película tamén acabará chamándose Matria. E é que o filme retomará a historia da propia curtametraxe.
"Desenvolveremos a mesma idea da curtametraxe aínda que meteremos cousas novas", relata Froiz, que adianta que ademais de Matriuska estarán involucradas nesta película a compañía madrileña Avalon e a catalá Ringo Media.
Se se cumpren as previsións e a covid-19 "non nos trastorna os plans", Matriuska prevé rodar a película, que estará escrita e dirixida por Álvaro Gago, en setembro de 2021. "Esperemos que todo vaia ben aínda que esta situación é imprevisible", subliña o produtor pontevedrés.
Será unha rodaxe integramente en Galicia e, máis concretamente, nas Rías Baixas. A historia da película estará ambientada en Vilanova de Arousa e gravarase por todo O Salnés. O seu elenco será galego "na súa maior parte", conta Dani Froiz. "Será unha película moi galega", engade.
A longametraxe narrará a historia de Ramona, unha muller de corenta anos que vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Cruzarase con Xosé, un home co que forma unha inusual amizade. Con el pensará que, talvez, haxa algo novo polo que vivir.
A película estará ambientada en Vilanova de Arousa e gravarase por todo O Salnés. O seu elenco será galego "na súa maior parte"
Nestes momentos, ademais de buscar o financiamento para poder rodar a película, o proxecto avanza no proceso de escritura do guión. Para iso, o director vigués asistiu a diferentes obradoiros en Grecia ou Toronto (Canadá), onde ao mesmo tempo que vai desenvolvéndose o guión da película comezouse a perfilar xa outros aspectos de produción.
Dani Froiz móstrase moi contento de embarcarse neste proxecto porque "Álvaro e eu sempre falaramos de que nos gustaría traballar xuntos" e nestes momentos, afirma orgulloso, "danse as condicións oportunas".
Para afrontar esta longametraxe, Matriuska acaba de recibir unha axuda da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) de case 260.000 euros dentro do apoio deste organismo público ás novas producións audiovisuais de Galicia.
Ademais, a produtora confía en obter apoio do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e xa conta co compromiso de varios patrocinadores, entre eles televisións como Movistar Plus e TVG. Tamén se buscarán socios internacionais.
QUEN É ÁLVARO GAGO?
Álvaro Gago, que estudou cinema na London Film School, deu os seus primeiros pasos no mundo audiovisual en 2013 coa súa curtametraxe Curricán, gañadora do premio á mellor película no Festival de Cans.
Catro anos despois dirixiu Matria, co que foi nomeado aos Goya 2019 e gañou o Gran Premio do Xurado do Festival de Sundance 2018. A súa seguinte curtametraxe, titulado 16 de decembro, estreouse en 2019 no Festival de Locarno.
Relacionadas:
-
A Berlinale abre a porta ao cine pontevedrés: "Matria" de Álvaro Gago competirá no festival
Por Alejandro Espiño |
-
"Matria", a ópera prima de Álvaro Gago, inicia a súa rodaxe en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Matriuska conclúe en Barcelona a rodaxe da película ¿Qué hicimos mal?
Por Alejandro Espiño |
-
'A media voz' de Matriuska, mellor documental no festival de Ámsterdam
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Xiana e Miguel traballan, estudan, socializan e motivan aos demais na súa contorna
Por Marisa Ciordia |