O Ateneo Santa Cecilia convoca o VI Concurso de Relato Curto 'Marín Conta' – Letras Galegas 2020 para escolares
Por
O Ateneo Santa Cecilia de Marín convocou o VI Concurso de Relato Curto 'Marín Conta' - Letras Galegas 2020 no que poden participar os escolares de centros de ensino de Marín cun único texto de creación literaria en lingua galega que non supere as 500 palabras.
A temática e xénero narrativo son libres e a única condición é que a historia do relato suceda en Marín. Os textos deberán ser inéditos. Deberán presentarse por triplicado baixo un lema, acompañados dunha plica en sobre pechado cos datos persoais. En caso de menores de 14 anos, a plica deberá estar asinada polo seu pai ou a súa nai ou titores legais autorizando a participación do escolar no concurso.
Os traballos deberán presentarse na sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín, situado na Rúa do Forno número 42 baixo - 36900 en Marín, xa sexa en persoa ou remitíndoo a través do correo electrónico ateneosantacecilia@gmail.com. O prazo de recepción finaliza ás 20.00 horas do venres 23 de outubro de 2020.
O xoves 29 darase a coñecer os tres traballos premiados nas tres categorías: Primaria, ESO e Bacharelato / FP. A entrega dos premios será o sábado 31 de outubro ás 12.00 horas no local da entidade convocante.