Un novo servizo municipal coordinará a actividade do Pazo de Cultura e do Teatro Principal
Por Alejandro Espiño
Tras a anunciada disolución do organismo autónomo do Pazo de Cultura, a pregunta que quedaba no aire era saber cal sería a fórmula elixida para xestionar todos os espazos culturais que dependen do Concello. Pois ben, será cun novo servizo municipal.
O pleno municipal que se celebrará o vindeiro luns 19 de outubro aprobará, ao mesmo tempo que a disolución do ente actual, a creación do Servizo Municipal de Infraestruturas Culturais, que estará integrado na estrutura propia do propio Concello.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que esta decisión responde a unha reorganización "puramente administrativa" que permitirá optimizar os recursos dispoñibles e responder mellor ás necesidades dos equipamentos culturais da cidade.
A responsabilidade deste novo servizo, por tanto, será xestionar o Pazo da Cultura, o Recinto Feiral, a sala de exposicións anexa ao Pazo e o Teatro Principal. Ademais, deberá deseñar a programación cultural e feiral destes espazos e coordinar as actividades.
Á fronte do Servizo Municipal de Infraestruturas Culturais, sinalou Gulías, haberá unha persoa que terá practicamente as mesmas funcións que a actual xerente do Pazo, Pilar Portela, cuxo contrato quedará extinguido ao disolverse o organismo autónomo. Será, en todo caso, un funcionario do grupo A1 e, na medida do posible, persoal do propio Concello.
Os catro traballadores que figuraban no persoal do Pazo dá Cultura serán subrrogados pola administración municipal e manterán os seus postos de traballo. Trátase dun técnico de mantemento, un auxiliar administrativo e dous subalternos.
PILAR PORTELA LAMENTA QUE LLE DEAN UNHA "PATADA NO CÚ"
Aínda que ata o de agora a xerente do Pazo de Cultura, Pilar Portela, non quixo facer declaracións sobre o seu despedimento, si se pronunciou a través das súas redes sociais. Nelas, lamentou que a súa etapa á fronte deste organismo terminase cunha "patada no cú" por parte das persoas coas que traballou durante dúas décadas.
"Nunca se me pasou pola cabeza que esta etapa podía rematar así", explicou Portela, que quixo poñer en valor o seu esforzo e dedicación á fronte do Pazo, para que Pontevedra contase cunha programación cultural "estable, diversa, participativa e de calidade".
Neste mesmo sentido pronunciouse a Agrupación de Xestores Culturais de Galicia, cuxa presidencia ostenta actualmente a aínda xerente do Pazo da Cultura de Pontevedra. A través dun comunicado, a asociación lamenta a "sorprendente e inexplicable" decisión.
Aseguran que a programación cultural de Pontevedra era "excelentemente valorada" polo público e convertera á cidade nun "modelo no que fixarse", traballo no que é "indiscutible" o traballo da propia Pilar Portela.
"Que o futuro da cultura pontevedresa renuncie aos servizos de quen contribuíu en gran medida aos éxitos culturais na cidade só demostra un descoñecemento absoluto e perverso de quen se responsabiliza das súas políticas culturais", reza o escrito remitido aos medios de comunicación.