O gaiteiro ÿscar Ibáñez presenta en Sanxenxo o seu novo espectáculo 'Alén do mar'
Por Redacción
O gaiteiro ÿscar Ibáñez traerá este xoves a Sanxenxo o seu novo espectáculo 'Alén do mar'. Esta actuación, organizada pola Deputación de Pontevedra e o Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo, comezará ás 22.00 horas na praza dos Barcos e será aberta ao público.
Precisamente, o músico presentou o mércores xunto coa concelleira de Cultura, Paz Lago, o disco que interpretará ante veciños e visitantes do municipio e co que busca irmandar as culturas atlánticas utilizando o son galego como fío condutor desta mestizaxe.
O gaiteiro leva a cabo unha tarefa que se encontra a medio camiño entre a investigación e a creación
As diversas viaxes que ÿscar Ibáñez realizou ao longo dos últimos quince anos por máis de trinta países de Europa, América Latina e Estados Unidos influíron de forma determinante na súa evolución, que reflicte a afinidade dos dous continentes. Así, inspirado nas músicas de ida e volta e na temática da emigración galega en América, o gaiteiro leva a cabo unha tarefa que se encontra a medio camiño entre a investigación e a creación, nunha fusión sen límite da que resulta un novo e único son.
Mestre en Educación Musical, especialista universitario en Música Tradicional Galega, Ibáñez posúe o título de grao profesional LOE na especialidade de gaita galega, instrumento que comezou a tocar en 1984 no grupo 'Treboada' de Poio. A partir de aí, participou en numerosos festivais internacionais coa Agrupación Folclórica Celme, de Pontevedra e conseguiu máis de corenta premios en concursos de prestixio, o que o converten nun dos gaiteiros galegos máis galardoados, tanto en dixitación aberta como pechada.
Ademais de aparecer en diversos traballos discográficos, participou en importantes festivais e colaborou con músicos de renome como Paulo González, Iván Costa, Edelemiro Fernández, Pablo Devigo, Patrick Molard, Diarmaid Moynihan, Ventzislav Andonov ou Hevia.
Na actualidade está a presentar a súa nova proposta 'ÿscar Ibáñez & Tribo', formada por músicos galegos de recoñecida traxectoria como Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta ou Andrés Vilán, cos que xa protagonizou actuacións en Galicia, Cantabria, Cataluña, Madrid, Canarias e Bretaña.