Javier Rodríguez de la Torre, Javier de la Torre, Javi 'de la T', J. T e finalmente, ata espremer ao máximo, 'Jota'. Con todos eles realizamos un novo podcast motivados pola autoría da exposición que ata final deste setembro pódese ver no Mercado de Abastos: Rock and roll na Praza.
Leva media vida en Pontevedra; aínda que este leonés ten curtida a pel polos rigores do frío e do calor castelán e aínda non perdeu o uso dos verbos compostos. Deixou a súa cidade para estudar Belas Artes. Ao terminar, fixo en Valencia o doutoramento de 'Arte ambiental e música electrónica', onde coñeceu as raves. E aí foi onde lle entrou "o formiguillo" de exercer de dj.
A súa nai, que falecía cando 'Jota' aínda non alcanzara a maioría de idade, foi de quen herdou o interese pola pintura. Como artista fixo decoración de locais de hostalería, deseño gráfico de videoxogos, murais e dá clases particulares de debuxo e pintura. Na parte musical ten o seu percorrido por establecementos pontevedreses ata chegar ao Pequeño, onde estivo a picar ata o pasado marzo.
Los Flechazos, Los Deicidas, Ópera Prima... bandas leonesas dos 80 e 90 que ben coñeceu. El mesmo formou parte dun grupo de break dance que chegou a participar nun dos míticos programas musicais de televisión: Tocata. Como os temas que selecciona para A playlist, é "bastante ecléctico".
O confinamento permitiulle conseguir a concentración que require dedicarse á pintura "porque son unha persoa bastante dispersa". Neses meses tamén practicou unha afección pola que mesmo chegou a estar matriculado no Carlos Oroza, a cociña. E cociñou cun particular obxectivo didáctico que explica en PontevedraViva Radio, mentres gravaba vídeos titoriais. O prato está servido... no Mercado de Abastos, pero só ata final de mes.