
© Filmoteca Española
‘Pontevedra, cuna de Colón’, a primeira película polícroma rodada en España, recupera a súa cor

Por Redacción

© Filmoteca Española

© Filmoteca Española
'Pontevedra, cuna de Colón' (1927), a primeira película rodada en cor en España grazas a un sistema experimental patentado en 1925, recuperou máis de 80 anos despois a súa cor.
Trátase dun traballo de Filmoteca Española que logrou recuperar a cor orixinal da primeira versión desta curtametraxe documental do fotógrafo, cineasta e investigador cinematográfico Enrique Barreiro. El mesmo patentara dous anos antes da rodaxe o citado sistema experimental, o Cromacolor.
A directora do Centro de Conservación e Restauración de Filmoteca Española (C.C.R.), Marián del Egido, explicou que a importancia deste título estriba en que "responde as innovacións introducidas para a obtención de cinema en cor por Enrique Barreiro, e esa posibilidade de gozar da cor non se conseguira ata o momento en España".
O resultado poxectarase no Cinema Dourei o 1 de outubro e poderase ver online o día 29 do mesmo mes a través de Flores en la sombra, a canle d Vimeo de Filmoteca Española. Tamén se proxectará no CGAI, a filmoteca galega, o 27 de outubro.
Esta recuperación foi posible grazas á colaboración entre Filmoteca Española e o Centro Galego de Artes da Imaxe- Filmoteca de Galicia, e forma parte dun proxecto no que se pretende abordar de forma conxunta os materiais que compoñen a colección de Barreiro, depositada pola familia do cineasta na entidade galega.
A excepcionalidade de 'Pontevedra, cuna de Colón', radica precisamente no sistema empregado para darlle cor, pois aínda que a presenza de cor non é estraña en materiais antigos, o habitual era que, salvo nos casos nos que eran pintadas a man, as secuencias se tiñesen enteiras dun mesmo cor.
Máis aló do proceso de recuperación, Marián del Egido destaca a investigación previa abordada para lograr o efecto desexado, pois para recuperar a cor orixinal da película foi necesario investigar sobre os avances científicos en óptica nos anos precedentes, atopar o modo en que Barreiro trasladou ás súas patentes un método propio de cinema en cor e recuperar o máis fielmente posible a película con axuda dos procedementos actuais de tratamento de imaxe dixital.
Barreiro foi unha das figuras máis importantes da década de 1920 dentro da cinematografía galega do momento e ao longo da súa vida experimentou con múltiples sistemas para dotar de cor a imaxe cinematográfica. Como proba diso, 'Pontevedra, cuna de Colón' tivo dúas versións, a de 1927 e outra posterior de 1930, e ambas serviron a Barreiro como campo de probas para os seus experimentos.
Esta película parte dos argumentos defendidos polo historiador Celso García de la Riega e os seus continuadores Enrique Zas, Prudencio Otero e Rafael Calzada, encamiñados a demostrar a tese do nacemento de Colón en Pontevedra, onde a tradición oral situaba a casa natal do navegante.
A película estreouse o 2 de maio de 1927 no Teatro Principal de Pontevedra e tivo unha gran acollida. Un cronista da época sinalaba no Pobo Gallego o seguinte: "o azul do ceo, o verde aplomado do mar, os diferentes verdes da nosa campiña, o colorido natural dos rostros… non puidemos menos que considerar que o invento é un feito e un triunfo rotundo".
Javier Rellán, a persoa responsable de levar a cabo o proxecto, explica que unha vez resolvido o problema da obtención da cor, a súa recuperación na totalidade da metraxe foi un proceso laborioso, xa que se tiveron que tratar individualmente en maior ou menor medida 20.000 das 33.000 fotogramas que compoñen a película. Aínda que as ferramentas foron dixitais, o proceso aínda ten boa parte de traballo artesanal.