O Café Moderno acolle a mostra "Castelao grafista (facsímile)"
Por Redacción
Afundación, a Obra Social de Abanca, acolleu este xoves a rolda de prensa da exposición "Castelao grafista (facsímile)", desenvolta en colaboración coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia.
No acto estiveron Miguel Fernández Cid, comisario da exposición; Teresa Saiz, directora da Fundación Gonzalo Torrente Ballester; Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia; e María Teresa Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación.
"Castelao grafista (facsímile)" é a segunda etapa dun proxecto expositivo máis amplo para promover a difusión e o coñecemento da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en diferentes cidades e países. O Café Moderno Afundación de Pontevedra, onde o intelectual galego adoitaba participar dos faladoiros literarios e políticas alí organizadas, abre as súas portas para acoller esta mostra ata o 23 de xaneiro de 2021.
A exposición, comisariada por Miguel Fernández-Cid e con pezas procedentes das coleccións de arte de Abanca e Afundación, componse dunha selección rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración.
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte Abanca. Ademais, no Café Moderno Afundación poderanse ver 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Así mesmo, poderase ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 cubertas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.
"Castelao grafista (facsímile)" pódese visitar de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e sábados de 11 a 14 horas e de 17.30 a 20.30 horas. Ademais, están previstas visitas guiadas gratuítas para o público xeral os días 1 de outubro, 5 de novembro, 3 de decembro e 7 de xaneiro ás 18 e ás 19.30 horas para todas aquelas persoas que se inscriban previamente.