Cultura de Poio traballa na programación do décimo aniversario da Casa Museo de Colón
Por Redacción
A Concellería de Cultura de Poio está a traballar no deseño da programación dos actos para conmemorar o décimo aniversario da inauguración da Casa Museo de Colón, no lugar de Portosanto.
A previsión é que as actividades arrinquen o vindeiro mes de outubro, previo á data do 23 de novembro, cando se cumpren os dez anos da apertura do recinto museístico, e que se estenderán ata o mes de decembro. O programa contemplará exposicións, conferencias e diversos actos institucionais.
Con esta programación, o Concello de Poio segue a traballar para continuar potenciando estas instalacións, que permaneceron abertas durante o verán, cumprindo coas pertinentes medidas de hixiene e aforo.
A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, mantivo xa unha serie de reunións cos responsables da Asociación Galicia Histórica para perfilar as iniciativas que se porán en marcha.
Desde o Concello de Poio garántese que todas as actividades cumprirán cos protocolos de seguridade decretados contra a COVID-19.
CASA MUSEO DE COLÓN
Situada no lugar de Portosanto (San Salvador) e deseñada polo arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro, a Casa Museo de Colón inaugurábase o 23 de novembro de 2010. O edificio conta con tres andares, que suman preto de 150 metros cadrados de superficie útil. Un dos seus grandes atractivos é a exposición permanente sobre Cristóbal Colón, que ofrece un extenso percorrido pola teoría da orixe galega do descubridor do continente americano. Ademais de documentos e material audiovisual, a mostra permanente ofrece, entre outras cousas, unha réplica, a tamaño natural, dunha carta náutica debuxada polo navegante Juan de La Cosa no ano 1.500. Neste 2020, a Casa Museo pasou a formar parte da Rede de Espazos de Contido Museístico Atlántico (REMA).
Relacionadas:
-
Poio presenta o programa dos actos do décimo aniversario da Casa Museo de Colón
Por Redacción |
-
O Museo de Colón de Poio incorpórase á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos
Por Redacción |
-
Nova etapa na Casa Museo de Colón: horario de verán e visitas guiadas
Por Redacción |
-
A Casa Museo de Colón únese á Rede de Espazos de contido Museístico Atlántico
Por Redacción |
-
Un día en Poio: unha visita inesquecible á Ría de Pontevedra
Por Noticia patrocinada |