Chega a Pontevedra a homenaxe cinematográfica a Reboiras, última vítima mortal da ditadura en Galicia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As salas de Cinexpo en Pontevedra acollerán durante esta fin de semana a proxección de Reboiras. Acción e corazón, unha longametraxe que se converteu na agardada homenaxe en formato cinematográfico á figura de Moncho Reboiras, asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975 e última vítima mortal da ditadura franquista en Galicia.
O sábado e o domingo haberá sesións ás 21.30 horas para as que xa se poden mercar entradas anticipadas. Na do domingo, ademais, haberá un coloquio co director e guionista da peza audiovisual, Alberte Mera.
Mera é vigués de nacemento, pero pontevedrés de formación -estudou no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo- e este mércores visitou o Concello de Pontevedra para presentar co concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, estas proxeccións.
Oubiña e Mera destacaron o selo pontevedrés do equipo desta peza documental, na que Jose Aragunde é o director de fotografía; Samuel Lema, director de arte; Adrián Porima, responsable de son; e Tamara André, da produción.
A longametraxe combina 29 entrevistas de testemuñas con secuencias ficcionadas para ilustrar os momentos máis relevantes da vida de Reboiras coincidindo co 45 aniversario do seu asasinato o pasado 12 de agosto. En palabras de Mera, a peza, que xa pasou por cinemas de toda Galicia desde a súa estrea en agosto, salda unha "débeda histórica" coa figura de Reboiras.
Con este traballo, buscou, segundo explicou, "facerlle xustiza, a nivel técnico e artístico" e confía en que a boa acollida que está a ter entre o público e a crítica sexa un primeiro paso para que a historiografía oficial e as institucións lle rendan a homenaxe que merecen tanto el como todas as persoas da súa xeración e circunstancias.
Así, Alberte Mera destacou que esta peza documental recolle unha época "dura e escura" de Galicia na que había unha "débeda pendente no audiovisual" non só coa figura de Reboiras senón coa de todas aquelas persoas asasinadas por facer fronte á ditadura e por pedir politicamente por unha Galicia xusta socialmente. Era unha "débeda pendente" con "toda unha xeración de galegos que o acompañaron e que sufriron represión e viron truncada a mellor etapa das súas vidas na loita".
Oubiña, pola súa parte, destacou o "fondo moi importante" desta peza e tamén a importancia de exhibir cinema en galego en cinemas comerciais como parte do proceso normalizador da lingua galega.