O campus de Pontevedra apúntase ao galego co programa Falamos
Por Mónica Patxot & Redacción
A partir da próxima semana, o programa Falamos entrará no campus universitario de Pontevedra. Está previsto que entre o martes 22 e o martes 29, aquelas persoas interesadas se apunten nas casetas informativas a esta iniciativa presentada este venres polo concelleiro de Normalización Lingüística Alberto Oubiña e a responsable da área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo Fernando Ramallo.
Con esta proposta desenvolveranse actividades coa idea de cambiar o proceso de socialización da lingua e de substitución do galego, lingua familiar en moitos casos, polo castelán.
Estas actividades arrincarán en outubro e terán unha sesión ao mes menos no caso da proposta de voluntariado lingüístico, que terá unha periodicidade semanal. A intención é que se realicen de maneira presencial, aínda que tamén se establece unha versión online no caso de que sexa preciso.
Haberá clubs de lectura, cursos de cociña, visionado comentado de filmes na Casa das Campás ademais do voluntariado lingüístico, unha idea que xa se desenvolve noutras universidades europeas e do Estado.
A actividade de voluntariado, segundo explicaba Fernando Ramallo, ten como obxectivo unir a unha persoa que fala galego con fluidez e de maneira habitual con outra que está a aprender a usalo. O obxectivo é que compartan sesións para que tanto os "neofalantes potencias", que non usan a lingua aínda que a coñezan, como os estudantes de fóra de Galicia que chegan ao campus poidan adquirir coñecementos e practicar o uso da lingua galega.
A intención é que se reúnan para manter conversas durante unha hora á semana ao longo de dez semanas. A este proxecto pódese incorporar tanto o profesorado como o alumnado e persoas que non pertenzan á comunidade universitaria.
Nun estudo de 2018 realizado pola Universidade de Vigo comprobábase que só o 18% do alumnado do campus identifícase como monolingüe en galego fronte ao 64% que se declara monoloingüe en castelán.
A inscrición para estas actividades pódese realizar nas casetas informativas ou a través de snl.pontevedra.gal/falamos