Cadernos FICBUEU presenta o seu primeiro número adicado á Nouvelle Vague
Por Redacción
Este martes presentábanse no Centro Social do Mar de Bueu os Cadernos FICBUEU, cunha primeira entrega baixo o título 'A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965)' e a autoría do subdirector do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), Severiano Casalderrey.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaba neste acto, no que destacaba o labor de investigación e o estilo cercano do autor para "escribir un traballo que é, ao mesmo tempo, ameno, claro e rigoroso".
O volume 'A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965)' recompila o traballo de selección e de investigación realizado para a Sección Retrospectiva, unha das novidades da edición de 2019 do festival e que toma forma na presente para dar protagonismo a obras de difícil acceso para o público pero con grande valor histórico no desenvolvemento do cinema e do formato curtametraxe.
Nesta ocasión, os cadernos, que se publican en edición bilingüe galego-inglés e co apoio da Xunta de Galicia, analizan unha das correntes cinematográficas máis coñecidas da historia, a Nouvelle Vague francesa, que presentou e consolidou as súas primeiras longametraxes hai 60 anos, cando Truffaut foi galardoado co premio ao mellor director do Festival de Cine de Cannes por 'Os 400 golpes'.
O traballo de Severiano Casalderrey céntrase na produción de curtametraxes de directores desta corrente como Éric Romer, Jacques Rivette, Jean-Luc Godard ou François Truffaut, entre outros, un precedente indispensable para entender a produción posterior destes autores e un dos aspectos menos explorados da Nouvelle Vague.
Relacionadas:
-
A coprodución franco-chinesa 'Fleur de pavot' gaña a Ánfora de Ouro no FICBUEU 2020
Por Redacción |
-
Manuel Manquiña falará en clave de humor do confinamento na apertura este venres do FICBUEU
Por Redacción |
-
A décimo terceira edición do FICBueu chega con estritas medidas de seguridade e o dobre de proxeccións
Por Redacción |
-
Xa poden mercarse as entradas e abonos para o FICBUEU 2020
Por Redacción |