Rosa Crespo, Artista Marinense de 2020, presenta a súa nova exposición no Museo Manuel Torres
Por Redacción
O Museo Manuel Torres de Marín acolleu este mércores 9 de setembro a presentación da nova exposición de Rosa Crespo, Artista Marinense do ano 2020.
A pintora estivo acompañada pola alcaldesa María Ramallo, o pintor Antón Sobral e as concelleiras Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez, ademais de familiares e amigos.
As súas obras poderán visitarse ata o vindeiro martes 13 de outubro.
Nada en Brasil aínda que emigrada a Marín na súa mocidade, Rosa Crespo conta cunha obra influída pola temática mariñeira e tamén pola camelia, flor que está presente en moitas das súas creacións.
Na inauguración a alcaldesa encomiou a "enorme calidade pictórica" da artista animando aos marinenses a que visiten a exposición nun museo que conta con todas as medidas de prevención establecidas nos protocolos sanitarios.