Mabel Lozano estrea en Pontevedra a súa curta "Biografía del cadáver de una mujer"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos, a concellería de Igualdade celebrará o vindeiro 23 de setembro un cinefórum que busca visibilizar e denunciar a realidade deste escuro negocio e que volverá protagonizar Mabel Lozano.
A escritora, directora de cine e actriz regresará nesta ocasión á Boa Vila para protagonizar un cinefórum no que será presentado a súa nova curta documental "Biografía del cadáver de una mujer", que até o momento só foi visionada en festivais nacionais e internacionais e que vén de gañar o Premio do Público no Skyline Benidorm Film Festival.
Segundo salientou este mércores a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, durante o acto de presentación da iniciativa, "isto significa que o pase que terá lugar o mércores 23 no Teatro Principal ás 20:00 horas vai ser a estrea da súa curta a nivel estatal".
Tal e como apuntou a edil socialista, que estivo acompañada na súa comparecencia pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e pola axente de Igualdade Mercedes Renda, este cinefórum, incluirá un coloquio coa autora, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e a deputada provincial de Igualdade, Vicky Alonso.
O obxectivo desta iniciativa é concienciar e "denunciar o inferno que sofren as mulleres en todo o mundo e que supón a forma de violencia de xénero máis extrema".
Ante a necesidade de cumprir cos estritos protocolos hixiénico-sanitarios derivados da crise da Covid-19, o aforo estará moi limitado (en principio, á espera de que se poidan implementar novas medidas a vindeira semana, sería dunhas 70 persoas) e controlarase o acceso mediante códigos QR, polo que a Concellería de Igualdade ten previsto emitir o cinefórum en streaming a través das plataformas online do Concello.
Para poder asistir de xeito presencial ao Teatro Principal será precisa a inscrición previa a través do correo electrónico igualdade@pontevedra.eu ou do número de teléfono do CIM: 986 86 48 25.
En opinión de Yoya Blanco, "non podemos perder de vista que a defensa dos dereitos humanos é incompatible coa trata de persoas, que ao mesmo tempo alimenta o mercado da prostitución de mulleres, nenas e nenos en todo o mundo".
Para a concelleira de Igualdade, "institucións e cidadanía teñen que posicionarse claramente contra a explotación e exixir aos gobernos medidas máis contundentes para perseguir aos criminais e dar protección e axuda ás vítimas".
Relacionadas:
-
Igualdade organiza un videofórum polo Día contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos
Por Redacción |
-
Convocado o concurso escolar contra a violencia de xénero para vídeo curto e foto
Por Redacción |
-
A directora e actriz Mabel Lozano amosa en Pontevedra o cruel drama que agocha a prostitución
Por Cristina Saiz & Redacción |