A décimo terceira edición do FICBueu chega con estritas medidas de seguridade e o dobre de proxeccións
Por Redacción
A décimo terceira edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, FICBueu, celebrarase entre o 11 e o 19 de setembro con todas as medidas necesarias para garantir a seguridade de todos os asistentes. Unha medida na que fixeron fincapé os representantes de todas as institucións que colaboran na organización do evento que foi presentado este martes.
O Centro Social do Mar de Bueu será a base do festival, no que se realizarán todas as actividades. Unha das novidades deste ano chega obrigada pola redución do aforo do auditorio, polo que a organización decidiu "duplicar as sesións de cada sección", explicou o director do festival, Manuel Pena.
Doutra banda, ao suspenderse a asistencia de alumnado se progfamaron as seccións infantil e familiar para as mañás do sábado e domingo. Momentos nos que haberá tamén espazo para a gala Escolas Galegas, a nova Sección Escolas Internacionais e un apartado dedicado á comedia.
Así mesmo, a ausencia de cineastas internacionais suplirase cun maior protagonismo dos galegos en actividades paralelas como a charla sobre o filme Ons ou o encontro coa actriz Melania Cruz.
Un monólogo de Manuel Manquiña, a presentación dos Cadernos FICBueu, a música en directo ou un roteiro de tapas complementarán a programación desta edición do festival marcado pola pandemia da COVID-19.
A programación completa do festival pódese consultar na páxina web do festival.
"Poranse en práctica todos os protocolos establecidos polas administracións estatal e autonómica”, tranquilizou o director do festival, Manuel Pena, durante a presentación. Tamén o director de Agadic, Jacobo Sutil, sinalou que "trátase dunha edición da máxima calidade da que as e os asistentes poderán gozar nunha contorna segura".
Pola súa banda, a deputada provincial Victoria Alonso felicitou aos organizadores polo traballo realizado e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou a fidelidade do público local.
Relacionadas:
-
A coprodución franco-chinesa 'Fleur de pavot' gaña a Ánfora de Ouro no FICBUEU 2020
Por Redacción |
-
Cadernos FICBUEU presenta o seu primeiro número adicado á Nouvelle Vague
Por Redacción |
-
Manuel Manquiña falará en clave de humor do confinamento na apertura este venres do FICBUEU
Por Redacción |
-
Xa poden mercarse as entradas e abonos para o FICBUEU 2020
Por Redacción |
-
A directora Belén Funes, gañadora dun Goya con 'La hija de un ladrón', entre o xurado internacional do FICBUEU
Por Redacción |
-
A actriz Melania Cruz, Premio Cinema Galego do FICBUEU
Por Redacción |