Seis películas do mellor cine euroárabe nunha nova edición do ciclo Amal en Ruta
Por Alejandro Espiño
O ciclo Amal en ruta, que traerá a Pontevedra seis películas de cine euroárabe, regresará ao Teatro Principal. Será coa súa quinta edición, que se desenvolverá entre los días 7 e 12 de setembro.
O ciclo, organizado pola Fundación Araguaney - Puente de Culturas, busca achegar a sociedade árabe a Galicia rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta heteroxénea cultura, fuxindo dos habituais reducionismos.
A asistencia será gratuíta previa retirada de entradas en Ataquilla.com ou na billeteira do Principal, desde unha hora antes do inicio das proxeccións.
O aforo do teatro estará reducido a 98 prazas. Será obrigatorio o uso de máscara en todo momento así como o cumprimento das normas de seguridade e indicacións do persoal de sala.
As proxeccións, que comezarán ás nove da noite, serán:
Luns 7 de setembro: Soufra de Thomas Morgan | 2017 | Singapur
Soufra narra a historia de Mariam Shaar, unha muller nada no campo de refuxiados palestinos de Burj El Barajneh (Beirut) que trata de crear unha empresa de restauración para mulleres como medio de supervivencia económica, social e persoal.
Martes 8 de setembro: Mafak Screwdriver de Bassam Jarbawi | 2018 | Palestina, USA, Catar
Despois de 15 anos de prisión Ziad non recoñece o mundo que o rodea. A tecnoloxía cambiou, a sociedade non é a que era e empeza a comprender que os seus problemas non son só sociais, senón tamén psicolóxicos. Ziad sente que a súa única escapatoria pasa por volver ao momento no que se atopaba 15 anos atrás, con todo o que iso supón.
Mércores 9 de setembro: Yomeddine de Abu Bakr Shawky | 2018 | Exipto
Beshay nunca saíu da colonia de leprosos na que o abandonaron sendo un neno. Tras a morte da súa muller decide coller as súas escasas pertenzas e ir en busca das súas raíces xunto a Obama, un mozo orfo que se une a el no camiño.
Xoves 10 de setembro: Look at me de Nejib Belkadhi | 2018 | Catar, Tunes, Francia
A vida de Lofti, un inmigrante asentado en Marsella, cambia drasticamente o día que recibe unha chamada do seu irmán desde Tunes. A súa ex esposa acaba de sufrir un infarto e Lofti tense que facer cargo do seu fillo de 9 anos afectado de autismo.
Venres 11 de setembro: Sky and Ground de Talya Tibbon, Joshua Bennett | 2018 | USA
Sky and Ground cóntanos a historia dos Nabi, unha familia siria - kurda que viaxa ilegalmente durante tres meses dende Aleppo a Alemaña. Un relato no que se mestura o medo coa esperanza por unha vida mellor.
Sábado 12 de setembro: Capharnaüm de Nadine Labaki | 2018 | O Líbano, Francia
Zain, un neno de doce anos intelixente e valente, sobrevive aos perigos das rúas da cidade grazas ao seu enxeño. Fuxindo dos seus pais, e facendo valer os seus dereitos, recorre á xustiza para demandalos polo 'crime' de darlle a vida.