Poetas internacionais debatirán con Yolanda Castaño en Mugartegui
Por Redacción
O Pazo de Mugartegui acollerá o martes 30 de outubro ás 19:30 h. un encontro entre diferentes poetas de carácter internacional. Estes escritores participarán dende o luns 29 ata o sábado 3 de novembro nun Obradoiro de tradución poética Con barqueira e remador na Illa de San Simón.
Trátase de escritores procedentes de Islandia, Croacia, Eslovenia, Letonia e Finlandia, ademais do escritor catalán, Txema Martínez e da poetisa galega, Yolanda Castaño.
A autora de Santiago de Compostela, durante a presentación en Pontevedra desta actividade, sinalaba que este encontro literario é unha iniciativa pioneira en Galicia e permitirá a estes escritores líricos coñecer a cidade e, durante o debate, analizarán todo o relacionado con vendas, distribución, axudas que reciben os escritores nos seus distintos países.
O acto no Pazo de Mugartegui estará aberto para todo o público e é gratuíto.