'Curva España', de Chévere abre a temporada de outono no Auditorio Municipal de Vilagarcía
Por Redacción
'Curva España', de Chévere, unha das obras máis exitosa durante o último ano no panorama teatral de Galicia chega ao Auditorio Municipal de Vilagarcía para abrir a tempada de outono teatral. Será o sábado 5 de setembro ás 21.00 horas con espazo restrinxido para adaptarse ás medidas de seguridade dos protocolos anti Covid.
Nesta montaxe, Chévere ofrece unha mirada crítica, documentada e, como sempre, con tinguiduras cómicas baseándose na historia real do falecemento en 1927 nun accidente de tráfico dun enxeñeiro de camiño na comarca de Verín.
As diferentes versións que se abren sobre o caso permiten á veterana compañía galega ofrecer unha imaxe irónica sobre a construción do Estado. Patricia Lorenzo e Miguel de Lira protagonizan esta obra coa intervención sobre o escenario de Lucía Estévez e de Leticia T. Blanco, coa dirección de Xesús Ron.
Este espectáculo forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a entrada ten un prezo de 5 euros, cun prezo reducido de 3 euros para titulares do Carné Xoven, desempregados e maiores de 65 anos, que deberán acreditalo presentando a tarxeta de desemprego e o DNI en cada caso.
Só estarán dispoñibles 258 butacas para atender á normativa sanitaria, só poderá elixirse unha butaca individualizada ou en caso de persoas conviventes dúas xuntas. As entradas xa se poden adquirir de forma anticipada (con custos de xestión) a través de ataquilla. com ou no servizo telefónico do 902.504.500. En caso de non esgotarse, tamén se poderán adquirir no despacho de billetes o día da función a partir das 19.00 horas.