Roteiros literarios e de arquitectura, as propostas da Deputación para setembro e outubro
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de 'Re-Acción Cultural' con dúas novas propostas para coñecer a provincia a través dos Roteiros literarios e as Rutas de Arquitectura, que se levarán a cabo nos meses de setembro e outubro.
Estas actividades xorden da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e da Academia Galega de Belas Artes, respectivamente.
Os Roteiros constarán dun total de 12 percorridos comentados (seis literarios e seis de arquitectura), para os que se ofertarán 24 prazas en cada un deles e que se achegarán a 14 concellos da provincia.
ROTEIROS LITERARIOS
Os Roteiros literarios comezarán o 6 de setembro en Baiona, onde Iria Misa comentará os escenarios da súa obra Segredos no solpor. Continuarán logo en Vilagarcía (13 de setembro) cun roteiro arredor de O xardineiro dos ingleses, que conducirá o escritor desta obra, Marcos Calveiro; en Cerdedo-Cotobade (20 de setembro), coa ruta literaria e etnográfica que guiará o profesor e etnógrafo Carlos Solla; o 27 de setembro Manrique Fernández conducirá un paseo polos espazos vinculados á literatura en Ponteareas; o 4 de outubro Xosé Monteagudo fará un repaso pola vida cultural, política e social na cidade de Pontevedra, protagonista da súa obra Todo canto fomos. Os roteiros rematarán o 10 de outubro coa ruta guiada por Anselmo López Carreira sobre o Vigo Medieval. Todos estes roteiros serán os domingos en horario de mañá, de 11.30 a 13:00 horas.
RUTAS DE ARQUITECTURA
En canto ás Rutas de Arquitectura, nesta edición terán como eixo central o Barroco, despois da conmemoración do Día das Artes Galegas deste ano dedicado á figura do arquitecto Domingo de Andrade. Neste caso, os paseos chegarán a todas as comarcas da provincia e serán os sábados en horario de mañá, entre as 10:00 e as 13:30 horas. Comezarán o 12 de setembro en escenarios barrocos de Pontevedra e Poio. A continuación, o 19 de setembro haberá unha ruta por espazos representativos deste estilo arquitectónico en Vilagarcía e Cambados; o día 26 de setembro por Tui, onde se visitará a catedral, precisamente unha das obras de Domingo de Andrade, así como outros lugares en Salvaterra. Xa en outubro, o día 3 as rutas chegarán a diversos lugares dos concellos de Vigo, Nigrán e Baiona; o 10 de outubro a espazos barrocos de Bueu e Cangas; e o día 17 finalizarán cunha ruta por pazos en Lalín e A Estrada. Os traslados entre os diferentes puntos da visita farase en vehículos particulares.
MEDIDAS DE SEGURIDADE E INSCRICIÓNS
O desenvolvemento destas rutas, como subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación das mesmas, estará guiado por un estrito protocolo "con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias" e, de feito, os desprazamentos aos lugares de partida deberán facerse por medios particulares. Así mesmo, é obrigado o uso de máscara.
As inscricións poden realizarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes, cun máximo de 4 por reserva, e un teléfono de contacto.
Relacionadas:
-
Nova convocatoria de Rutas de Arquitectura para descubrir o modernismo e o racionalismo
Por Redacción |
-
Máis de 38.000 persoas participan en oito programas de actividades da Deputación
Por Redacción |
-
As andainas da Deputación superaron o número de prazas previstas
Por Oskar Viéitez |
-
As 'Depo Andainas' comezan coa ruta dos petróglifos en Campo Lameiro
Por Redacción |