Campolongo presume de barrio cunha exposición fotográfica ao aire libre sobre a súa historia
Por Alejandro Espiño
Campolongo é un dos barrios pontevedreses que contan cun maior arquivo fotográfico da súa historia. Todo grazas ao labor do colectivo Amigos de Campolongo, presidido por Fernando Viéitez, que levou a cabo durante moitos anos un intenso labor de reunir estas fotografías. Parte deste arquivo pódese contemplar na nova edición da exposición "Miradas de Campolongo", que se inaugurou este xoves.
A mostra, que arrincou cun sinxelo acto no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, poderase visitar durante un mes no Parque da Constitución, xusto en fronte da entrada das Piscinas de Campolongo. Trátase, case, de 200 fotografías antigas tomadas, na súa maioría, entre a década dos 50 e dos 90 e que revelan as orixes do barrio.
Segundo explicaron Anxos Riveiro e Fernando Viéitez, estas fotografías atopábanse gardadas en caixóns e álbumes familiares "e foron recuperadas grazas a un intenso traballo porta a porta polo barrio". Nelas, saen retratadas persoas anónimas e personaxes populares en lugares emblemáticos da zona, moitos dos cales permanecen xa tan só na memoria colectiva do barrio, como o antigo Pazo de Campolongo.
Trátase, apuntaron, de "ver como un barrio que se transformou completamente, logrou conservar ese aspecto familiar parecido ao que tiña anos atrás". Un barrio que se caracterizaba pola unión entre os veciños e do cal saíron importantes personaxes da historia pontevedresa. Con esta exposición pretenden revivir ese espírito e mostrar ás novas xeracións as orixes dunha das principais zonas da cidade.