59 dos 80 filmes seleccionados no FICBUEU 2020 estréanse en Galicia
Por Redacción
Xa se coñecen as obras seleccionadas para a 13 edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que se desenvolverá entre o 11 e o 19 de setembro no Centro Social do Mar.
A selección contempla 80 títulos, dos que 25 serán estreas en España e outros 34 debutarán en Galicia. Estas obras foron escollidas entre preto de 2.200 propostas recibidas pola organización, ás que se suma o visionado doutras 700 películas suxeridas polo equipo que coordina o subdirector do festival, Severiano Casaldererrey.
A Sección Internacional, principal apartado do FICBUEU, contará con 22 curtas, seis deles con produción de Francia, seguidos por Suecia e Canadá, con tres participacións procedentes de cada un destes países. Portugal, Reino Unido e Grecia sumarán dúas obras cada un. Entre as curiosidades, poderanse ver unha curta palestina, unha lituana e outra noruega/filipina. Aumenta tamén, segundo avanza a organización, a presenza de directoras. Entre estas películas 10 son proxectos de realizadoras e 14 de realizadores, dous das cintas están codirixidas.
Na Sección Experimental escolléronse dez títulos. Tamén haberá presenza doutros países na nova Sección Escolas Internacionais, na que se recollerán cinco curtos procedentes de escolas cinematográficas de territorios foráneos. Ademais continuará a Sección Escolas Galegas, Galicia R, con títulos como 'Xoves de comadres' ou 'Carne' e España con traballos como 'Panteres' ou 'Mujer sin hijo', entre outros títulos.
Dentro dos apartados non competitivos volverá a Sección Comedia, unha das máis esperadas polo público, con media ducia de curtas de produción europea. Tamén haberá seccións Infantil e Familiar con trece e nove cintas cada unha. Ademais, na xornada inaugural está prevista a proxección dos traballos realizados polos talleres impartidos durante o curso pola Asociación FICBUEU.
A organización reucerda que nas máis de trinta sesións desta edición garantiranse as medidas de seguridade sanitaria, cunha limitación da capacidade e a desinfección e ventilación da sala do Centro Social do Mar entre cada pase.
Relacionadas:
-
Xa poden mercarse as entradas e abonos para o FICBUEU 2020
Por Redacción |
-
A directora Belén Funes, gañadora dun Goya con 'La hija de un ladrón', entre o xurado internacional do FICBUEU
Por Redacción |
-
A actriz Melania Cruz, Premio Cinema Galego do FICBUEU
Por Redacción |
-
O FICBUEU contará cun maior número de pases para compensar a redución de aforo polo Covid
Por Redacción |