#ConBdeBarro levará actividades culturais a todas as parroquias do Concello

Por Redacción

© Escola de Música de Barro

© Concello de Barro
O Concello de Barro elaborou unha programación de actividades diversas que se van desenvolver en distintos puntos do municipio pasando por todas as parroquias. Nestes actos contarase, na súa maior parte, cos grupos locais que serán o eixe central.
#ConBdeBarro pretende encher as fins de semana desde o 11 de xullo ao 13 de setembro de actividades para todos os públicos, que se realizarán en pequeno formato para garantir as medidas de protección e hixiene previstas polas autoridades competentes.
No ámbito musical contarase coas actuacións dos seguintes grupos locais: Son das tabernas, Mudland, Robert Beade, Ana Angueira, Fran Parguiñas e Banda de música xuvenil de Barro; tamén participarán neste ciclo os grupos Os Druídas e os Amigos do Acordeón Rías Baixas.
Pechará este ciclo o artista convidado Abraham Cupeiro que dará un concerto no Monte da Chan o 13 de setembro cun espectáculo denominado "Resoando no pasado" con músicas que van desde épocas prehistóricas ata o século XIX.
Ademais de música haberá cinema na rúa, que marcará o inicio de actividades este sábado ás 22.30 horas no exterior do pazo da Crega coa proxección do filme "El viaje de Chihiro", actividade patrocinada pola Consellería de Sanidade dentro do programa de prevención de condutas aditivas.
Tamén poderemos disfrutar dentro da programación da obra de teatro "Dous no Camiño" que protagonizan os actores Isabel Risco e Fran Rei, no lugar de Valbón (Agudelo) o día 29 de agosto ou o espectáculo infantil Isla Letriska no Pazo da Crega o día 9 de agosto.
Con este ciclo o Concello de Barro quere ir recuperando a normalidade social, pero sempre cumprindo as medidas de hixiene e apostando por este ciclo que deslocaliza as actividades para levalas a moitos recunchos do municipio, convidando á veciñanza a que participe delas e desfrute dunha cultura de proximidade.